O Porriño, 27 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño acollerá este domingo, 28 de decembro, unha nova cita dentro da programación de Nadal coa celebración do Roteiro Moteiro, unha actividade que contará coa participación da Vulcan Riders Association Galicia e que encherá as rúas da vila de motor, ambiente festivo e espírito de Nadal.                                     

A actividade desenvolverase a partir das 11.00 horas, cun percorrido de motos polas rúas do Porriño, converténdose nunha das últimas concentracións sobre dúas rodas do ano. O evento celebrarase xusto unha hora antes do inicio da Carreira de Nadal do Concello do Porriño, completando así unha mañá chea de actividade deportiva, social e lúdica no centro da vila.

O Roteiro Moteiro contará coa participación de moteiros e moteiras que, nun ambiente lúdico e familiar, caracterizaranse como Papá Noel e con motivos propios destas datas, decorando tamén as súas motos para achegar aínda máis cor e ilusión ao percorrido urbano pola vila. Ao remate da ruta, as persoas participantes compartirán un momento de convivencia arredor dun chocolate quente, poñendo o broche final a esta cita festiva.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este tipo de iniciativas reflicten o espírito participativo e acolledor do Porriño, convertendo as nosas rúas en espazos de encontro durante o Nadal, combinando deporte, lecer e convivencia”. Así mesmo, subliñou que “eventos como o Roteiro Moteiro e a Carreira de Nadal contribúen a dinamizar a vila e a reforzar o sentimento de comunidade”.

Desde o Concello do Porriño destácase o valor deste tipo de propostas, que fomentan a colaboración con colectivos locais e a dinamización social e comercial da vila durante as festas do Nadal.