• A corporación municipal deu luz verde ao acordo que permitirá integralo no Servizo Galego de Saúde, garantindo a continuidade da atención e a estabilidade do persoal e dos recursos

 

O Porriño, 10 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño celebrou esta mañá un Pleno extraordinario urxente no que se aprobou por unanimidade o traspaso á Xunta de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais vinculados á Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) municipal, un recurso que leva preto de catro décadas prestando asistencia sanitaria e apoio ás persoas con problemas de drogodependencias dunha vintena de concellos do sur da provincia de Pontevedra.

Co acordo adoptado hoxe, o Concello valida o borrador do Decreto de traspaso elaborado pola Consellería de Sanidade e remitido pola FEGAMP, así como o certificado da Comisión Mixta encargada de avaliar e formalizar a integración das UADs municipais no sistema sanitario autonómico. O Porriño é unha das 13 unidades existentes en Galicia que se incorporarán ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

A concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, explicou no Pleno que este traspaso “supón un avance importante na integración funcional e sanitaria dun servizo esencial, garantindo unha atención máis coordinada, estable e plenamente incorporada ao ámbito sanitario autonómico”.

O acordo plenario inclúe tamén a aprobación dos anexos correspondentes ao persoal que se integra no SERGAS, os postos vacantes, o inventario de bens, contratos e inmobilizado, así como a cesión temporal do local municipal situado no edificio do Centro Cívico, onde continuará funcionando a UAD.

Desde a Intervención Municipal emitiuse un informe favorable ao considerar que o traspaso é positivo para a estabilidade orzamentaria, mentres que o Secretario Municipal informou tamén favorablemente tanto sobre a cesión do inmoble como sobre o proceso de integración do persoal.

O Concello notificará ás persoas traballadoras afectadas a súa nova situación administrativa e remitirá ao SERGAS toda a documentación preceptiva. O acordo queda supeditado á aprobación definitiva do Decreto por parte da Xunta de Galicia, previsto para entrar en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026.

O alcalde Alejandro Lorenzo lembra que o Concello do Porriño vén prestando desde fai 37 anos o servizo de atención a persoas drogodependentes a través do denominado centro de asistencia de drogodependencias e marxinación no ano 1988, que logo pasou a ser denominado Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) no ano 1991, nome que persiste na actualidade. Expertos nesta materia fixeron recomendacións de que este tipo de centros debían integrase, funcional e organicamente, nos servizos de atención primaria das Comunidades Autónomas ou, de ser o caso, de atención especializada-saúde mental.