- O alcalde Alejandro Lorenzo vén de asinar a adquisición de 32 e antes de que remate o ano rubricará a compra doutras tantas, que sumadas ás 24 mercadas en 2023 suman unha superficie total de máis de 6 hectáreas que xerarán un gran espazo de recreo e lecer que actuará tamén como corredor ecolóxico e infraestrutura de protección fronte as inundacións
O Porriño, 8 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño dá un novo paso decisivo na transformación ambiental da contorna do río Louro. O alcalde Alejandro Lorenzo vén de formalizar a compra de 32 novas parcelas situadas na marxe do río, unha actuación estratéxica que permitirá avanzar na creación do futuro Espazo Público de Lagunaxe Multifuncional, unha infraestrutura verde destinada a reducir o risco de inundación, restaurar o ecosistema fluvial e xerar un novo ámbito de convivencia e uso social para a cidadanía. Un proxecto incluído no PIA que se levará a cabo con fondos europeos.
O alcalde destacou a relevancia deste avance asegurando que “este é un paso histórico para o Porriño. Veño de asinar cos propietarios a compra destas 32 parcelas que nos permiten consolidar o espazo necesario para un gran parque fluvial que protexerá das inundacións e que, ao mesmo tempo, se converterá nun novo punto de encontro, recreo e calidade de vida para toda a veciñanza”. O rexedor subliñou tamén que o proxecto “coloca ao municipio á vangarda das políticas ambientais e de adaptación ao cambio climático”.
Lorenzo lembra que “estas novas adquisicións súmanse ás 24 parcelas mercadas en 2023 e outras 32 cuxa compra asinarei antes de rematar este ano”, configurando un conxunto continuo de terreos que suman 63.475,19 metros cadrados, que “con futuras adquisicións que seguiremos facendo” completará a superficie necesaria para a execución integral do espazo.
O proxecto define un modelo de adaptación climática fundamentado en solucións baseadas na natureza, coa creación dun lagunaxe multifuncional capaz de almacenar auga en episodios de choivas intensas. Isto permitirá protexer áreas urbanas e industriais especialmente vulnerables ás inundacións, ao tempo que se xera un novo pulmón verde para o municipio.
A intervención inclúe tamén a restauración ecolóxica das ribeiras e humedais asociados ás Gándaras de Budiño, espazo da Rede Natura 2000, incorporando vexetación autóctona, eliminando especies invasoras e creando zonas de alta biodiversidade.
O futuro parque fluvial ofrecerá novos espazos públicos para o lecer e a vida activa, con sendas peonís e ciclistas, pasarelas de madeira sobre zonas inundables, áreas de xogo, puntos de encontro e zonas recreativas que conectarán directamente O Porriño con Torneiros, superando a actual fractura territorial xerada pola canle do Louro.
Con esta adquisición de parcelas, o Concello consolida un proxecto clave para o seu futuro ambiental e urbano: un espazo natural resiliente, accesible e útil para a cidadanía, pensado para mellorar a calidade de vida e para afrontar con garantías os efectos crecentes do cambio climático.

