- Un dos grandes piares desta programación serán as tres rondallas que tocarán no casco urbano e por tódalas parroquias, comezando o percorrido mañá mesmo e clausurando o calendario festivo o domingo 11 de xaneiro co tradicional certame
- O Concello reforza a programación infantil con contacontos, espectáculos, teatro, cinema, obradoiros, unha cúpula máxica e moita animación de rúa, sen esquecer a visita de Papá Noel e do Apalpador
- Non faltarán as dúas grandes citas: a Festa Pre-Fin de Ano con dobre repique de badaladas e a Cabalgata do Reis Magos, colofón do Porriño Peque Fest
O Porriño, 6 de decembro de 2025.- O Porriño dá a benvida ao Nadal 2025 cunha programación ampla e chea de vida, pensada para que toda a veciñanza, e moi especialmente as familias e a infancia, poidan desfrutar dun mes cheo de música, tradición e ilusión. Tralo multitudinario acto de acendido do alumeado, serán as rondallas, un dos grandes piares desta programación e símbolo de identidade e arraigo cultural, as grandes protagonistas. “As nosas tres rondallas, Pontellas, Atios e Santa María do Porriño, son especialmente importantes nestas datas do Nadal, cando percorren rúas e parroquias levando alegría, participación e memoria colectiva; a chegada dunha rondalla é sinal de festa e emoción, un costume que se mantén vivo polo esforzo das asociacións e persoas que, ano tras ano, conservan e transmiten esta parte tan valiosa da nosa cultura”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. Así pois, a música de rondallas comezará mañá mesmo a soar no Porriño co inicio da ruta de actuacións que as levarán polas diferentes parroquias e o casco urbano, nesta ocasión o percorrido iniciarase, por parte da Rondalla de Santa María do Porriño no Círculo Recreativo Cultural e nas rúas do centro da vila ás 19.00 horas e, por parte da Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios na propia parroquias de Atios, ás 19.30 horas; e o luns 8 será a quenda da Rondalla Cultural Musical de Pontellas que actuará ás 16.30 horas en Mosende e ás 17.30 horas en Chenlo, coincidindo coa festividade da Inmaculada Concepción nesta parroquia. A ruta continuará as dúas seguintes fins de semana, culminando con tres citas destacadas: a celebración pre fin de ano o martes 30, a cabalgata do Reis Magos o 5 de xaneiro e o domingo 11, no tradicional Encontro de Rondallas, converténdose así tamén nas encargadas de clausurar a programación.
Ao longo de todo este mes de decembro e comezos de xaneiro, as rúas e prazas converteranse en escenarios onde convivirán espectáculos, concertos, actividades culturais, deporte, animación, o tren turístico de Nadal e as propostas máis ligadas á tradición galega. “Para nós é fundamental manter o espírito máis auténtico do Nadal porriñés: a tradición das rondallas, a ilusión dos máis pequenos, a convivencia na rúa e a maxia da Cabalgata de Reis. Esta programación reflicte o que é O Porriño, unha vila unida pola música, a cultura e o afecto”.
A atención á infancia volve ser outro dos eixos fundamentais do Nadal porriñés, cunha programación especialmente deseñada para a cativada. Contacontos, espectáculos, teatro, cinema, unha cúpula máxica con Papá Noel e os Reis Magos, que se instalará a partir do vindeiro venres no Parque do Cristo, e diversas propostas de animación de rúa. A cita máis inmediata terémola mañá domingo co mago Alberti, que actuará ás 18.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
Ao longo destas semanas realizaranse tamén obradoiros de elaboración de beléns e creación de postais, ofrecendo aos máis pequenos espazos creativos e participativos. Non faltará a visita do Apalpador, o día 23 a partir das 17.00 horas e a de Papá Noel o día de Noiteboa ás 18.00 horas na praza do Concello. A celebración do Porriño Peque Fest, do 2 ao 4 de xaneiro no pavillón, consolidarase como un dos grandes encontros familiares das festas, repleto de actividades, xogos, inchables e sorpresas pensadas para converter as xornadas previas á chegada dos Reis Magos nun momento de diversión compartida. “As novas xeracións teñen que ter un Nadal no que sentirse identificadas, onde a creatividade, a alegría e a participación formen parte do día a día. Por iso dedicamos un espazo central ás actividades infantís —obradoiros, teatro, xogos—, para que os nenos e nenas vivan esta festa coas emocións que merecen”, explica o alcalde.
Outro dos puntos fortes da programación é a gran Festa Pre-Fin de Ano, que transforma O Porriño nun espazo festivo para todas as idades o día 30 de decembro. A mañá estará dedicada á cativada, con actividades e pasarrúas de personaxes, coas badaladas infantís, pensadas para que os nenos e nenas poidan vivir a súa propia “pre-noitevella”, acompañada de animación musical e ambientación festiva. Xa pola noite terá lugar as badaladas adultas, unha gran festa aberta a toda a veciñanza para despedir o ano dun xeito simbólico, compartido e anticipado. Trátase xa dun dos eventos máis agardados do Nadal no Porriño, que reúne centos de persoas e crea un ambiente único na vila, onde non faltará as uvas da sorte, cotillón e chocolate de balde. “A Festa Pre-Fin de Ano non é só unha despedida do 2025, é unha cita para xuntarnos, compartir, celebrar e preparar o 2026 con optimismo e esperanza. Queremos que este momento sexa especial para todos os veciños e veciños”.
O gran colofón das festas chegará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, precedida nos días anteriores polas visitas das Súas Maxestades ás parroquias, centros educativos e centros de día. Na tarde do día 5, os Reis Magos percorrerán as rúas acompañados de música, animación e a participación de colectivos locais, nun desfile que encherá O Porriño de luz e ilusión. A chegada á vila converterase, como cada ano, nun dos momentos máis emocionantes do Nadal, especialmente para o público infantil, que poderá entregar as súas derradeiras cartas e vivir de preto a maxia desta noite tan especial.
Con esta programación, o Concello do Porriño aposta por un Nadal diverso, participativo e accesible, que combina tradición e modernidade, cultura e ocio e especialmente deseñado para fortalecer o espírito comunitario que caracteriza estas datas. O Nadal 2025 chega así cargado de música, actividades e ledicia para toda a cidadanía.
Toda a programación pódese consultar polo miúdo na páxina web ecultura.net, onde estará actualizada toda a información relativa a posibles cambios por mor da climatoloxía ou outros factores.

