• A Xunta de Galicia destina máis de 140.000 euros para a adecuación dun novo local contiguo á sala xa existente, que permitirá acadar preto de 200 m² dedicados á figura do arquitecto porriñés

O Porriño, 2 de decembro de 2025.- O futuro Museo Antonio Palacios no Porriño dá un paso fundamental coa ampliación do seu espazo expositivo. A Xunta de Galicia vén de aprobar un investimento de máis de 140.000 euros destinado ao acondicionamento dun novo local de 86,50 metros cadrados, contiguo á Sala de Exposicións Antonio Palacios, o que permitirá duplicar a superficie destinada a difundir a obra e o legado do arquitecto porriñés, acadando unha superficie próxima aos dos 200 metros cadrados.

Este novo impulso chega mentres o Concello ultima a apertura da sala principal, de 107,88 metros cadrados, que albergará a mostra permanente con materiais inéditos, debuxos, planos, maquetas e documentos procedentes tamén de exposicións actualmente en Madrid, pendentes de traslado ao Porriño.

“Levamos tempo traballando para que a Sala de Exposicións Antonio Palacios sexa un espazo á altura do legado do noso arquitecto máis universal. Esta ampliación, que nos permitirá duplicar a superficie expositiva, é unha excelente noticia e reforza o compromiso compartido coa Xunta de Galicia para crear un museo de primeiro nivel”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, á vez que destaca que esta ampliación permitirá unha mellor organización museográfica e unha maior capacidade para mostrar materiais inéditos, “imos dispoñer de preto de 200 metros cadrados que nos permitirán ofrecer unha experiencia máis completa, con novas pezas, documentos e maquetas que están pendentes de chegar de Madrid. Queremos que O Porriño se converta nun referente para coñecer a vida e obra de Antonio Palacios e hoxe damos un paso decisivo nesa dirección.”

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello do Porriño asinaron o convenio, ao cal se lle deu o visto e prace no último Consello da Xunta, a través do cal se acondicionará este local, situado na rúa Antonio Palacios, co obxectivo de acadar unha futura musealización conxunta dos dous espazos. As actuacións incluirán melloras na fachada acristalada e traseira, illamentos, pavimentos, instalación eléctrica, iluminación, climatización e a ampliación da zona elevada onde se situará a maqueta do emblemático Plan para Vigo de Antonio Palacios. Segundo o convenio asinado, a Xunta destinará 3.630 euros en 2025 para a redacción do proxecto e dirección da obra, e 136.935 euros en 2026 para a execución das obras.

O alcalde celebra este novo investimento como “un paso de xigante para situar ao noso concello no lugar que merece dentro da traxectoria vital e profesional de Antonio Palacios”.