• Quince persoas formaranse gratuitamente durante seis meses nunha especialidade altamente demandada, cun certificado oficial recoñecido a nivel nacional e internacional, e con prácticas en centros de día e residencias
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destaca o compromiso do Concello co emprego e a formación, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, no acto inaugural

O Porriño, 1 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de poñer en marcha unha nova edición do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, unha acción formativa AFD subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia con 52.332,75 euros. Trátase dunha iniciativa dirixida a persoas desempregadas que busca mellorar a súa cualificación profesional e favorecer a súa inserción laboral nun dos sectores con maior demanda na actualidade, mostra diso é a porcentaxe de inserción laboral acada no último curso, que rematou recentemente, e que acadou o 65%.

Nesta nova convocatoria, 15 persoas recibirán formación durante seis meses, ata o 28 de maio de 2026, para obter o Certificado de Profesionalidade en Atención Sociosanitaria, unha titulación oficial recoñecida a nivel nacional e internacional que acredita as competencias necesarias para traballar en residencias, centros de día, fogares e hospitais.

Ao acto de apertura acudiu a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Pontevedra, José Antonio Rodríguez Fachado; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, que destacaron a importancia desta acción formativa para o futuro laboral da veciñanza. “Traballamos cada día para ofrecer oportunidades reais á nosa veciñanza. Este curso é un claro exemplo de como apostamos por políticas activas de emprego que proporcionan formación gratuíta, homologada e con auténticas perspectivas de futuro. A alta inserción laboral da edición anterior demostra que imos polo bo camiño”, sinalou o alcalde.

O certificado inclúe un módulo de 450 horas teóricas e 80 horas de prácticas profesionais non laborais, que adoitan converterse en oportunidades reais de emprego. Ao longo do curso, o alumnado adquirirá competencias en comunicación, coidados básicos e avanzados, atención psicosocial, manexo de situacións de emerxencia e fomento da autonomía das persoas usuarias. Tamén se potenciarán habilidades transversais como a empatía, o traballo en equipo ou a capacidade de adaptación. Neste sentido, a concelleira destacou que “o coidado das persoas dependentes require profesionais formados, empáticos e capacitados. Este certificado dota ao alumnado das ferramentas necesarias para ofrecer unha atención de calidade”

Unha vez finalice esta edición, o Concello do Porriño ten previsto impulsar outro curso da mesma especialidade, polo que as persoas interesadas xa poden solicitar a súa praza.