- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Ramón Porto e Bienvenido Estévez, supervisaron o avance dos traballos
- A actuación forma parte dun investimento global de máis de 73.000 euros no que se inclúen outro camiño en Pontellas e dous máis na parroquia de Atios
O Porriño, 1 de decembro de 2025.– O Concello do Porriño vén de iniciar as obras de pavimentación no Camiño da Louriña, na parroquia de Pontellas, unha das actuacións incluídas no proxecto de mellora de viarios municipais financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiros, Ramón Porto e Bienvenido Estévez, desprazáronse ata a zona para comprobar o avance dos primeiros traballos, centrados na limpeza, o desbroce e a preparación do firme previo ao asfaltado. A intervención forma parte dun investimento global de máis de 73.000 euros no que se inclúen outro camiño en Pontellas e dous máis na parroquia de Atios.
Lorenzo destacou que “a posta en marcha desta actuación responde a unha demanda da veciñanza e suporá unha mellora substancial na seguridade e comodidade das comunicacións interiores. Esta é unha actuación máis nas nosas parroquias, nas que sempre estamos a traballar para que dispoñan e conten cos servizos básicos que merecen”.
O estado do firme facía necesaria esta intervención, que permitirá dotar o camiño dun pavimento seguro e duradeiro. O Camiño da Louriña, cunha lonxitude de 270 metros e un ancho medio de 7 metros, é un dos catro viarios incluídos neste proxecto municipal. O Concello prevé iniciar a obra de Galegos en Atios antes de rematar o ano, mentres que o Camiño Outeiro (Pontellas) e o Camiño da Torre (Atios) quedan programados para o ano 2026.
Con esta actuación, o Concello do Porriño continúa executando a súa liña estratéxica de mellora das infraestruturas do rural, reforzando a seguridade viaria e respondendo ás necesidades da veciñanza.


