- O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou ao director da Axencia Galega de Industria Forestal Alfredo Fernández na visita á nova nave da empresa Sumelga no polígono da Granxa
- Dende a entidade agradecen a implicación e o apoio da Xunta e do Concello para levar a cabo esta ampliación
O Porriño, 28 de novembro de 2025.- O Porriño apoia o crecemento empresarial. O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou esta mañá ao director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, nunha visita ás instalacións da empresa Sumelga, dedicada á distribución e almacenaxe de material eléctrico, que vén de ampliar a súa superficie coa construción dunha nova nave de apoio á principal, situada no polígono da Granxa, grazas a unhas subvención da Xunta de Galicia
Fundada no ano 2001, Sumelga consolidouse como unha compañía de referencia en Galicia grazas ao seu equipo humano especializado e a un servizo integral que lle permite ofrecer respostas personalizadas ao sector industrial. A nova nave, de 500 metros cadrados e con estrutura de madeira, está destinada ao almacenaxe de material eléctrico e automatización, coa finalidade de reforzar a capacidade loxística da empresa.
Para levar a cabo esta expansión, Sumelga foi beneficiaria da última convocatoria das axudas Xera-Madeira, que promove o Goberno galego para impulsar a utilización da madeira como elemento estrutural no eido da construción. Os seus propietarios, Javier Sousa e Enrique Besada, agradeceron tanto o apoio da Xunta de Galicia, a través da cal recibiron unha achega para a redacción do proxecto e a execución da nave, como a colaboración do Concello do Porriño que, segundo indicaron, resultou esencial pola axilización dos trámites de licenza necesarios para cumprir os prazos previstos na subvención.
Actualmente, a empresa conta cun cadro de persoal de 36 traballadores, e esta ampliación permitirá tamén aumentar o emprego no municipio nos próximos meses.
O alcalde destacou que “Sumelga é un exemplo de como a colaboración entre administracións e empresas permite xerar riqueza e emprego no noso concello. Desde o Concello do Porriño traballamos para facilitar e axilizar os trámites ás compañías que queren investir e medrar aquí, porque cada nova nave, cada ampliación e cada posto de traballo consolidado contribúe a fortalecer o noso tecido industrial e o futuro económico do noso municipio”.
A expansión empresarial no Porriño reflicte o compromiso do Concello en promover o desenvolvemento económico e o emprego no municipio. Proxectos como este sitúan ao Porriño como un referente de crecemento industrial na provincia e tamén en Galicia.

