• A nova escultura identitaria, xa instalada na rúa Antonio Palacios, convértese nun símbolo permanente do orgullo e da tradición porriñesa

O Porriño, 28 de novembro de 2025.– O Concello do Porriño inaugurou hoxe oficialmente o conxunto escultórico “Letras O Porriño”, unha obra única realizada integramente en granito Rosa Porriño, coincidindo coa xornada na que tamén se acende o alumeado de Nadal, marcando así o inicio dun dos días máis especiais do ano na vila.

As oito letras e tres “sombreretes” que compoñen a instalación están xa colocados no seu emprazamento definitivo na rúa Antonio Palacios, onde se converten desde hoxe nun novo referente visual, turístico e emocional. As pezas, elaboradas cun planchón de granito de 37 centímetros de espesor e cun peso total arredor dos 8.500 quilos, presentan un acabado que pon en valor a textura e a artesanía da pedra máis emblemática do municipio.

A escultura, que reproduce a imaxe corporativa do Concello, destaca polas súas dimensións e pola precisión artesanal coa que foi executada, desde o “O”, de case dous metros de alto, ata o “I”, a peza máis pequena, que completan un desenvolvemento total de 8,26 metros. A iluminación lineal empotrada no pavimento, tamén activada hoxe, realza durante a noite o volume e a cor do granito Rosa Porriño.

 “Hoxe é un día especial para O Porriño. Estreamos un símbolo feito coa nosa propia pedra, un material que leva o nome da nosa vila polo mundo enteiro. Con estas letras reforzamos a nosa identidade. É unha homenaxe á nosa xente traballadora, á nosa tradición e ao orgullo porriñés que nos une”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante o acto de inauguración no que estivo acompañado de concelleiros do equipo de goberno local e dun representante da entidade encargada de fabricar o conxunto escultórico.

A estrea da escultura enmárcase no comezo da programación de Nadal, coincidindo co acendido oficial das luces, convertendo a xornada nun encontro festivo e nunha celebración colectiva da identidade local.