- Usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e dos centros de día do municipio serán os encargados, mañá ás 20.15 horas, de pulsar o botón que prenderá un milleiro de luces distribuídas polo casco urbano e tódalas parroquias
- Haberá contacontos interactivo, a estrea dunha panxoliña a cargo de artistas locais, música dj e moitas outras sorpresas
O Porriño, 27 de novembro de 2025.- O Porriño vivirá mañá unha das xornadas máis especiais do ano cunha gran festa de benvida ao Nadal, na que a música e a iluminación serán as dúas grandes protagonistas. O acto central será o acendido do alumeado, previsto para as 20.15 horas na Praza do Concello, e que marcará o inicio dunha programación chea de emoción e espírito festivo que se dará a coñecer máis polo miúdo nos vindeiros días.

Os eventos comezarán ás 18.30 horas coa representación do contacontos interactivo de Lalá Teatro “Un conto de Nadal”. O momento máis simbólico chegará co acto do acendido que, un ano máis, suporá un xesto especialmente emotivo e inclusivo ao seren un grupo de usuarios de Aceesca, Afaga, Vide e centros de día do municipio os encargados de premer o botón que iluminará o Nadal. Farano ao carón do teito de luces de 30 metros de lonxitude, 7 de alto e 8 de ancho, composto de 75.000 microleds, que ofrecerá todos os días un espectáculo sincronizado de luces e son, unha das grandes novidades decorativa deste ano. Son un total 157 arcos luminosos, 2.176 elementos decorativos, 990.422 unidades de led e unha superficie total iluminada de 27.650,43 metros cadrados, distribuída polas rúas e prazas do centro urbano, así como por diferentes puntos singulares de tódalas parroquias do municipio.
A festa continuará co concerto “Voces do Porriño” protagonizado por distintos artistas locais coa estrea da panxoliña “O Nadal no Porriño” que traerá consigo varias sorpresas.
Soraya dará continuidade a esta noite máxica, subíndose ao escenario para ofrecer un espectáculo cheo de enerxía, música e ambiente festivo a partir das 21.30 horas. E como broche de ouro, sesión DJ dende ás 22.30 horas.
O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “este acendido é moito máis ca un acto oficial, é unha festa de benvida a unhas datas moi especiais e un momento para compartir xuntos. Queremos que o Nadal no Porriño sexa participativo, inclusivo e cheo de vida. Será o comezo dunha programación extensa e ilusionante que temos preparada para este Nadal. Queda moito por diante e animamos a todos os veciños e veciñas, maiores e pequenos, a participar e desfrutar de todas as actividades que se celebran a partir de mañá”.

