• O pleno municipal aproba inicialmente o expediente logo dun proceso aberto no que a veciñanza puido coñecer e opinar sobre as propostas
  • As creacións, avaladas pola Comisión Heráldica da Xunta, integran símbolos que recollen a historia, a economía, o patrimonio local e tódalas parroquias

O Porriño, 24 de novembro de 2025.- O Porriño vive hoxe un momento histórico. O municipio dá a coñecer os que serán os seus primeiros símbolos oficiais, un escudo e unha bandeira deseñados seguindo a normativa heráldica e construídos a partir dos elementos que definen o carácter do territorio.

O pleno do Concello do Porriño vén de aprobar inicialmente, por maioría absoluta, o expediente. Ata o de agora, o que se utilizaba eran simples debuxos sen ningunha oficialidade, non recoñecidos pola autoridade heráldica, nin aprobados nunca en pleno. O paso que se deu hoxe chega logo de que no mes de agosto o Concello abrise unha consulta pública para que a veciñanza puidese coñecer e opinar sobre as propostas elaboradas coa colaboración da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia. Unha vez analizadas todas as achegas e suxestións cidadás e incorporado o ditame final da Comisión, as propostas chegaron ao pleno para a súa aprobación inicial. “Hoxe é un fito para O Porriño, por fin teremos uns símbolos oficiais que representen a nosa identidade, a nosa historia e o que somos como pobo”, declarou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou que esta iniciativa non supón un gasto extraordinario e que non implicará cambios inmediatos en carteis, documentación ou material municipal, senón que a substitución realizarase progresivamente conforme se renoven existencias, “sempre con criterios claros e responsables”.

Lorenzo tamén subliñou que “a heráldica non é un deseño libre nin un exercicio artístico ao gusto persoal, senón unha disciplina histórica con normas moi claras e consolidadas ao longo dos séculos. A elaboración dun escudo ou dunha bandeira require coñecementos específicos, pois deben basearse en símbolos recoñecidos pola tradición heráldica, respectando regras sobre as cores, as figuras, a súa disposición e a interpretación histórica correspondente”. Segundo o alcalde, as propostas heráldicas son traballos fundamentados en criterios científicos e normativos contrastados.

Neste deseño en concreto integráronse varios elementos que nunca foran resaltados: o pan, a industria, a pedra ou a lembranza do ilustre arquitecto Antonio Palacios. “Como sempre dixen, a elaboración dun escudo ou dunha bandeira non é un exercicio libre de creatividade, senón que está suxeita a normas heráldicas moi precisas. Estes símbolos deben basearse en figuras recoñecidas pola tradición, cumprir regras que regulan cores, disposicións e significados, co fin de garantir que o resultado sexa lexítimo, representativo e válido oficialmente”, explicou Lorenzo.

Así pois, o escudo aprobado integra elementos que representan a historia, a economía, o patrimonio e a identidade do municipio. Mantense a ponte defendida como elemento central, coroada por unha torre que evoca a Casa Consistorial, obra emblemática do arquitecto Antonio Palacios; engádese un compás e unha chumbada de prata como homenaxe directa a Palacios, figura senlleira da nosa arquitectura; dúas espigas de trigo de ouro fan referencia á tradición panadeira do Porriño, mentres que oito rodas dentadas de prata representa ás oito parroquias e ao forte tecido industrial do Concello, cunha presenza destacada dos sectores da automoción, construción, industria farmacéutica e as explotacións de granito. O escudo vai timbrado cunha coroa real.

A bandeira deseñada garda coherencia co escudo e incorpora os mesmos elementos principais: fondo azul, torre amarela entre dúas espigas da mesma cor, compás, chumbada, roda dentada en branco na parte superior e, ao batente, dúas franxas verticais e ondadas de branco en alusión ao río Louro.

Segundo o alcalde, estes símbolos recollen elementos que nunca foran suficientemente resaltados e representan a identidade, a historia e a tradición do Porriño e tódalas súas parroquias de forma lexítima e recoñecida pola autoridade heráldica.

Procedemento para a aprobación definitiva

Trala aprobación inicial de hoxe, o expediente sométese agora a información pública durante un mes, tempo no cal a veciñanza poderá presentar alegacións. En caso de non habelas considerarase definitivo o acordo de aprobación inicial e de habelas, unha vez resoltas, o expediente será remitido á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, que emitirá un informe preceptivo e vinculante. Se o informe resulta favorable, a proposta elevarase ao Consello da Xunta de Galicia, que aprobará definitivamente o escudo e a bandeira do Porriño.

Con este proceso, O Porriño dá un paso histórico e definitivo para contar con símbolos oficiais que reflictan con fidelidade a súa identidade, a súa historia e os valores que definen o municipio.