- O Concello presenta o segundo volume do proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”, unha serie de boletíns temáticos que teñen como obxectivo axudar a previr, identificar e xestionar problemas e trastornos entre a cativada de 3 a 12 anos
- Nesta ocasión, ofrécese unha selección de setenta e sete contos apropiados para tratar o bullyIng amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental
O Porriño, 19 de novembro de 2025.- O aumento dos problemas e trastornos mentais representa un desafío para o futuro da humanidade, e actuar na idade infantil resulta clave para atallalo. Todos os axentes sociais poden traballar neste obxectivo desde o seu campo de acción, facendo posible unha vida máis alentadora para os nosos nenos e nenas. No que respecta ao ámbito das bibliotecas, estas teñen a oportunidade de colaborar coa biblioterapia: unha disciplina que usa os libros con finalidade terapéutica, e que nos últimos tempos está amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental.
A biblioteca do Porriño, comprometida na construción social da súa comunidade, presenta o segundo volume do proxecto “Contos que curan”, un programa de biblioterapia infantil que pretende axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos infantís en nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos.
Cada boletín ofrece un repertorio de contos de ficción seleccionados, clasificados e recomendados. Desta volta, o número 2 céntrase no acoso escolar, un tipo de violencia entre iguais que afecta a un de cada dez nenos en España. O boletín reúne 77 contos que poden atoparse na propia biblioteca municipal, pensados para apoiar a familias, educadores e profesionais da saúde na súa mediación terapéutica.
“As bibliotecas non só son espazos de lectura, tamén son espazos de coidado, de empatía e de aprendizaxe emocional. Con este proxecto queremos contribuír á saúde mental da nosa infancia desde o que mellor sabemos facer: ofrecer libros que axudan a comprender e a curar”, explica o autor e bibliotecario municipal, David Pérez Rego.
Pola súa parte, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “o Concello está firmemente comprometido co benestar dos máis pequenos e coa creación dunha sociedade máis xusta e solidaria. A través da lectura, podemos educar na empatía, no respecto e na convivencia”.
O boletín número 2, titulado Acoso Escolar, explica que o bullying pode ser verbal, social ou físico, e subliña a importancia de actuar con todos os roles implicados: acosador, vítima e testemuña. Ademais, incide en que denunciar o acoso non é ser “acusón”, senón un acto de valentía e solidariedade.
Afortunadamente, no mercado hai moitos contos que presentan estes aspectos nas súas historias, e neste novo boletín de “Contos que curan” ofrécese unha coidada selección de setenta e sete títulos apropiados para traballar o tema, ordenados segundo a idade recomendada.
“Queremos que a biblioteca sexa un espazo seguro e de encontro, tamén un recurso de axuda para as familias e o profesorado. Os nenos de hoxe son quen forxarán a sociedade do futuro”, engadiu Pérez Rego.
O proxecto “Contos que curan” continuará proximamente co volume 3, dedicado á timidez, e consolídase como unha iniciativa pioneira en biblioterapia desde o ámbito municipal.

