• Baixo o lema “Non á violencia, si a unha sociedade libre, xusta e segura”, o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Igualdade, Carolina González, presentaron unha programación ampla e participativa que envolve centros educativos, colectivos sociais e veciñanza en xeral

O Porriño, 18 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño conmemora este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia á Muller, cun amplo programa de actividades presentado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e pola concelleira de Igualdade, Carolina González. Baixo o lema “Non á violencia, si a unha sociedade libre, xusta e segura”, a administración local reafirma o seu compromiso firme coa loita contra todas as formas de violencia machista, apostando pola prevención, a educación e a concienciación social.

“O Porriño non pode nin quere permanecer en silencio ante a violencia machista. A educación, a implicación da cidadanía e o apoio ás vítimas son a nosa prioridade”, destacou o alcalde. Pola súa banda, a concelleira subliñou “a importancia de facer visible esta realidade os 365 días do ano e de ofrecer recursos efectivos que permitan avanzar cara a unha sociedade verdadeiramente libre e igualitaria”.

A colocación dun lazo morado na fachada do Concello o vindeiro luns, como símbolo de apoio ás vítimas e de rexeitamento rotundo a esta lacra, será o punto de partida da programación que terá como xornada central o propio 25 de novembro. Ás 12.00 horas instalarase na Praza do Concello o Punto Violeta, un espazo de información e sensibilización, ao tempo que se levará a cabo a inauguración da nova Praza 25N, un lugar que pretende converterse nun recordo permanente e colectivo de solidariedade, situado enfronte á igrexa parroquial de Santa María.

Un dos momentos máis emotivos da xornada será sen dúbida o lazo humano que se formará coa colaboración do alumnado de 2º da ESO, na Praza do Concello, que participará portando cartolinas moradas co nome das vítimas deste ano. O acto rematará cun minuto de silencio, tralo cal a Escola de Música do Porriño ofrecerá un concerto de corda.

Pero a celebración do 25N vai máis alá do propio día, e o Concello do Porriño desenvolve actividades ao longo de todo o ano. Así organízanse as II Xornadas 25N “A prevención da violencia de xénero e a protección das vítimas, dende unha perspectiva social e tecnolóxica”; cursos de defensa persoal dirixidos ao alumnado de 1º de Bacharelato dos IES do municipio, que se celebran cada trimestre en coordinación cos profesores de educación física; un taller de empoderamento feminino, destinado a mulleres vítimas de violencia e aberto a todas aquelas que queiran fortalecer a súa autonomía persoal e o proxecto de patios coeducativos en igualdade dirixido ao alumnado de 3º de Educación Primaria d os centros educativos ao longo de todo o curso 2025/2026, promovendo actitudes igualitarias desde idades temperás.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero, coa memoria das vítimas e coa construción dun futuro no que todas as mulleres poidan vivir en liberdade, dignidade e seguridade.