• A iniciativa, da Xunta de Galicia, vai dirixida a persoas de 60 anos ou máis e ten o prazo de inscrición aberto ata o 26 deste mes de novembro 
  • As persoas interesadas poden acudir ao Departamento de Servizos sociais do Concello onde recibirán información e axuda para formalizar a inscrición

O Porriño, 18 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño informa de que a Xunta de Galicia abriu o prazo de inscrición no programa “Xuntos polo Nadal”, dirixido a persoas de 60 anos ou máis que viven soas e desexan pasar acompañadas as festas do Nadal. O período para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 26 de novembro. 

O programa ofrece un total de 270 prazas, das que 130 corresponden á Residencia de Tempo Libre do Carballiño –para solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo– e 140 á Residencia de Panxón, en Nigrán -destinada ás persoas das provincias da Coruña e Ourense-. Esta iniciativa desenvolverase entre o 23 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, establecéndose tres quendas entre as que só se poderá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, transporte en autobús ás residencias e de regreso, así como actividades de animación sociocultural. 

Poderán participar aquelas persoas que teñan 60 anos ou máis, estean empadroadas en Galicia, vivan soas e non teñan con quen compartir estas datas, ademais de valerse por si mesmas. Terán prioridade na selección as persoas que perderan o seu cónxuxe ou persoa convivinte nos últimos dous anos, as de maior idade e aquelas que non participaran en edicións anteriores. 

As solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén se poderán entregar de maneira presencial no Concello. As persoas interesadas do Porriño que precisen apoio na tramitación poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello, onde recibirán información e axuda para formalizar a inscrición.