• Ruta de tapas, magosto, cinema, teatro, partido de balonmán e XX Festa da Zorza

O Porriño, 14 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño presenta unha programación variada e atractiva para esta terceira fin de semana de novembro. A veciñanza, así como todas aquelas persoas chegadas doutros concellos, poderá desfrutar de múltiples propostas, tanto no centro como nas parroquias do municipio. “Este fin de semana O Porriño volve demostrar a súa vitalidade social e cultural. Temos unha programación completa que combina tradición, gastronomía, deporte e cultura, facendo que todas e todos poidamos desfrutar dun pobo vivo e dinámico”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo subliñando que “a colaboración e implicación das asociacións e colectivos de tódalas parroquias é fundamental para facer posible un programa tan completo. Queremos que veciñas, veciños e visitantes se sintan parte desta celebración, desfrutando do mellor que O Porriño ten para ofrecer”. Dende o Concello, anímase así a toda a cidadanía a participar e desfrutar destes eventos, que converte ao Porriño nun referente de actividade cultural e festiva.

Ruta D’Gusta Porriño

Continúa por 32 establecementos hostaleiros da vila a ruta de tapas e petiscos D’Gusta Porriño. Cada local participante ofrece cadansúa creación gastronómica a 1,50 euros, en horario de 19.00 a 23.00 horas, tódolos venres e sábados do mes de novembro.

Cinemaldea

Continúa tamén o ciclo de cine polas parroquias Cinemaldea, no que se proxecta unha selección de curtas premiadas no XXII Festival de Cans. Mañá sábado, será no Castelo de Cans, ás 18.00 horas.

Magostos

Mañá sábado celebraranse dous magostos, un a partir das 17.30 horas na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, que contará coa actuación especial do grupo de gaitas e percusión Agarimo, e outro en Carracido, dende ás 20.00 horas coa actuación das pandereteiras da Asociación As Mimosas e a Charanga NosoKaos.

Deporte e igualdade

O Orbe Zendal Balonmán Porriño únese á campaña “NON” para reafirmar o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero. Con tal motivo o encontro de mañá sábado, ás 19.00 horas, contra o BM Zonzamas, estará marcado cunha mensaxe de igualdade e rexeitamento á violencia machista. O partido, que será ás 19.00 horas, chega nas semanas previas ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

XX Festa da Zorza

Pontellas acolle un ano máis, como cada terceiro domingo de novembro, a Festa da Zorza. Será a partir das 11.00 horas, cando se comecen a servir as 2.800 racións de zorza e empanada. A xornada contará coa música do grupo de gaitas Nordesía, as Cantareiras Vaicheboa e a Rondalla de Pontellas.

Fegateatro

Por outra banda, continúa tamén o ciclo Fegateatro. Logo de inaugurarse fai unhas semana en Carracido, este domingo 16, ás 17.00 horas, a Asociación Cultural Penediños de Atios acollerá a representación da obra “O Randiña”, a cargo da Asociación Pico do Castro de Foz.