• Técnicas de Jamyang Yoga e dinámicas da Pedagoxía Waldorf buscan fomentar a calma, a atención e o benestar na aula
  • O alcalde participou na xornada inaugural hoxe no CEIP de Mosende; mañá continuará no CEIP Antonio Palacios e nos seguintes días en todos os centros educativos da vila

O Porriño, 12 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e a OMIX, iniciou esta mañá os obradoiros de relaxación e regulación emocional destinados ao alumnado de 5º de Educación Infantil. A actividade pretende achegar á cativada técnicas sinxelas de respiración e consciencia corporal de Jamyang Yoga, así como dinámicas da Pedagoxía Waldorf, para favorecer a atención, a regulación emocional ea  calma en situación de contrariedade, enfado, frustración, axitación ou conflito.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado do concelleiro Marcos Martínez, acudiu á xornada inaugural celebrada no CEIP de Mosende, onde destacou a importancia destas iniciativa. “É fundamental ofrecer ao alumnado ferramentas que lles permitan xestionar as súas emocións, concentrarse mellor e mellorar o ambiente en clase. Estes obradoiros non só benefician aos nenos e nenas, senón tamén facilitan o traballo dos docentes,” sinalou.

Os obradoiros, organizados pola Concellería de Educación e OMIX do Porriño, continuarán mañá xoves no CEIP Antonio Palacios e ao longo das dúas próximas semanas realizaranse no resto dos colexios do municipio.

Durante as sesións, o alumnado poderá practicar técnicas de respiración, visualización e consciencia corporal, deseñadas especificamente para a mellora da atención, a calma e a regulación emocional

Esta iniciativa busca mellorar o ambiente de aula, reducindo conflitos, aumentando a concentración e promovendo a empatía entre o alumnado. Estas actividades están pensadas para que os nenos e nenas aprendan a calmarse e centrarse, mellorando non só a súa atención, senón tamén a convivencia e a calidade educativa no conxunto do centro. Para que estes talleres teñan un impacto moi positivo no alumnado, trala propia práctica das técnicas do taller, déixase a gravación dunha técnica para que practiquen e darlle continuidade a experiencia vivida no obradoiro.