• O equipo porriñés presentou hoxe no Concello o encontro do vindeiro sábado, ás 19.00 horas, fronte ao BM Zonzamas no polideportivo municipal, marcado pola mensaxe de igualdade e rexeitamento á violencia machista

O Porriño, 12 de novembro de 2025.- O Orbe Zendal Balonmán Porriño únese á campaña “NON”, impulsada pola Fundación Deporte Galego, para reafirmar o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero. O club quere, unha vez máis, facer visible a súa postura firme fronte a calquera tipo de violencia contra as mulleres e lembrar que a loita continúa cada día, dentro e fóra das pistas.

Con tal motivo o encontro do vindeiro sábado, 15 de novembro, ás 19.00 horas, contra o BM Zonzamas, estará marcado cunha mensaxe de igualdade e rexeitamento á violencia machista. O partido, que será ás 19.00 horas, chega nas semanas previas ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data na que o deporte galego amosa de maneira unánime o seu rexeitamento a esta lacra social.

A presentación oficial do partido celebrouse hoxe no Concello do Porriño, coa presenza dunha das xogadoras, Julia Pestana, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo e os concelleiros de Deportes, Abel Estévez, e de Igualdade, Carolina González. Durante o acto, as deportistas promoveron a iniciativa e convidaron á veciñanza a asistir ao partido e a participar nas accións simbólicas que se desenvolverán para lembrar a importancia de erradicar a violencia machista. Neste senso, o Concello do Porriño instalará durante o encontro un punto de información e, a vindeira semana, presentará os actos programados para conmemorar o 25N.

O alcalde do Porriño destacou “o orgullo que supón para o noso municipio contar cun club que, ademais de representar o nome do Porriño por toda España, se implica activamente en causas sociais tan importantes como a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero”. Engadiu tamén que “o deporte é unha ferramenta poderosa para educar, concienciar e construír unha sociedade máis xusta e respectuosa”.

O deporte feminino galego leva anos alzando a voz fronte á violencia de xénero, e o Porriño quere seguir formando parte desa mensaxe colectiva que se estende por toda Galicia. Tal e como se viu en campañas anteriores, deportistas, clubs, federacións e afeccións suman esforzos nesta causa, unindo as súas voces nun berro común: NON. O Orbe Zendal Porriño reafirma así o seu compromiso coa igualdade e coa defensa dos dereitos das mulleres, demostrando que o deporte pode e debe ser un vehículo de cambio e de sensibilización social.