- O alcalde Alejandro Lorenzo acudiu esta mañá á sesión inaugural celebrada no CEIP Cruz de Budiño, na que o alumnado participou dun obradoiro de danza que combina diversión, aprendizaxe e desenvolvemento integral
- As xornadas, organizadas polo Concello, continuarán o xoves no CEIP Antonio Palacios e visitarán tódolos centros educativos do municipio ao longo do mes de novembro
O Porriño, 4 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño deu comezo hoxe ás II Xornadas “Danzando na Escola”, cunha primeira sesión celebrada no CEIP Cruz de Budiño da que participaron 149 estudantes. En total, serán máis de 1.500 alumnos os que tomen parte da segunda edición destes obradoiros de música e movemento organizados pola escola de baile Studio 57. A actividade ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento integral do alumnado a través da danza e o movemento creativo, unha forma diferente e divertida de facer exercicio.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, declarou que “é un pracer ver como a danza e a música poden acompañar aos nosos nenos e nenas no seu desenvolvemento, fomentando non só a saúde física, pois é unha maneira diferente de facer exercicio, senón tamén a creatividade, a cooperación e o respecto polos demais. Estas xornadas son un exemplo de como a educación pode ser divertida e formativa á vez, e seguiremos apostando por iniciativas que acheguen alegría e aprendizaxe ao noso alumnado.”
Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, explicou que “estes obradoiros constitúen unha proposta pedagóxica coherente cos principios da educación integral, emocionalmente conectada e centrada no benestar e desenvolvemento harmónico do alumnado, potenciando aprendizaxes significativas e duradeiras nun contexto dinámico, creativo e motivador.”
O alcalde participou nesta primeira xornada, compartindo cos escolares a experiencia de movemento, música e diversión. As xornadas continuarán o xoves no CEIP Antonio Palacios, coa intención de chegar a todos os centros educativos do municipio ao longo do mes de novembro, ofrecendo ao alumnado unha forma diferente e lúdica de exercitar o corpo e a mente. Así a vindeira semana realizarase o martes no IES Ribeira do Louro, o xoves na escola infantil de Mosende e en Aceesca e o venres no CEIP de Atios. Xa o luns 17 terá lugar no IES Pino Manso, o 18 no colexio Santo Tomás e o 20 no Hermanos Quiroga. E a última semana chegará ao CEIP da Ribeira, o día 26 e ao CEIP Fernández López o 27.
Os obradoiros promoven a creatividade, o autocoñecemento corporal, a cooperación, o respecto e a socialización, ao tempo que permiten ao alumnado liberar tensións e aprender a través do xogo e a música, incluíndo ritmos e xogos doutras culturas para favorecer a interculturalidade.
O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso coa educación integral, o benestar do alumnado e a promoción de actividades que combinen aprendizaxe, diversión e movemento físico.


