- O proxecto, subvencionado ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, mellorará a seguridade e accesibilidade en catro viarios municipais
- O alcalde, Alejandro Lorenzo, indica que actuacións como estas son fundamentais para enxalzar o rural e dar resposta ás necesidades da veciñanza das parroquias
O Porriño, 27 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de iniciar o proceso de licitación para a contratación das obras de pavimentación dos camiños de Louriña (Rocal) e Outeiro, en Pontellas, e Galegos e A Torre, en Atios. A actuación supón un investimento total de 73.868,08 euros, financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026.
O proxecto contempla a repavimentación de 971 metros de camiños de titularidade municipal, que actualmente presentan un estado de deterioro considerable, afectando á mobilidade e seguridade dos usuarios. As obras, cun prazo de execución de tres meses, inclúen tarefas de desbroce, limpeza e fresado previo ao asfaltado con aglomerado, sen modificar o trazado nin a rasante dos camiños.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia deste tipo de investimentos no rural, “seguimos avanzando na mellora das infraestruturas nas nosas parroquias. Estas actuacións son fundamentais para velar polo benestar da veciñanza que viven no rural e enxalzar os espazos que son parte da nosa identidade como concello. Este proxecto é unha mostra máis do compromiso do Goberno municipal con atender as demandas reais dos veciños e veciñas e garantir unhas comunicacións seguras e accesibles en todo o territorio”, engadiu.
Os camiños que se verán beneficiados polas obras son Camiño Louriña (Pontellas), de 270 metros de lonxitude e 7 metros de ancho medio; Camiño Outeiro (Pontellas), 365 metros, con tramos de 5 e 4,5 metros de ancho; Camiño A Torre (Atios), 100 metros de lonxitude e 4 metros de ancho medio e Camiño Galegos (Atios), con 136 metros divididos en tres tramos con anchos de 4,5, 3,5 e 4,5 metros, respectivamente.
Con este proxecto, o Concello de O Porriño continúa coa súa liña de actuación enfocada na dinamización do medio rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e os servizos en todo o termo municipal


