- É xa o sexto espazo destas características no centro urbano e dará servizo, sobre todo, ás persoas que acudan ao centro de saúde, polideportivo municipal, xulgados e seguridade social
O Porriño, 25 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de conseguir a cesión gratuíta dunha parcela de 3.048,69 metros cadrados para acondicionala como aparcadoiro público de balde, situada nas inmediacións das pistas de tenis, con acceso dende a rúa Fernández Areal.
Esta nova infraestrutura dará servizo a localizacións moi concorridas como son o centro de saúde, o polideportivo municipal, os xulgados e a Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Nos vindeiros días, o Concello iniciará os traballos de acondicionamento da parcela, co obxectivo de que o aparcadoiro poida entrar en funcionamento nas próximas semanas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer a colaboración da veciñanza, “a boa disposición dos propietarios destas parcelas é fundamental para que o Concello poida ofrecer solucións reais á demanda de estacionamento no centro. Seguiremos traballando para conseguir máis espazos como este, que faciliten a mobilidade e melloren a calidade de vida no Porriño”. Engadiu ademais que “son servizos que seguiremos ampliando; se creamos zonas peonís e de recreo, é preciso crear tamén aparcadoiros para completar as novas infraestruturas e garantir que toda a veciñanza poida desfrutalas con comodidade”. Este novo espazo vén reforzar a oferta de estacionamento no centro urbano xerada nos últimos tres anos, sumándose aos cinco xa habilitados, situados na rúa Progreso, na Travesía Avelino Villasuso, na rúa Pontevedra e dous en Antonio Palacios, lindeiros ao acceso a autovía.
Habilitar este tipo de espazos é clave para avanzar cara a un modelo de vila máis accesible, cómoda e funcional para a veciñanza. A creación de novos aparcadoiros públicos gratuítos non só responde á elevada demanda de estacionamento no centro urbano, senón que tamén contribúe a desconxestionar o tráfico nas rúas principais e a favorecer unha mobilidade máis ordenada. Ademais, facilita o acceso aos principais servizos públicos e comercios locais, beneficiando tanto ás persoas usuarias como ao tecido económico do Porriño.


