• A Asociación as Mimosas de Carracido será a primeira das paradas, este sábado 25, ás 19.00 horas coa representación da obra “O Home que perdeu a inmortalidade” do grupo Ateaco

O Porriño, 23 de outubro de 2025.-  O Concello do Porriño presenta unha nova edición do ciclo Fegateatro que se compón nesta ocasión de cinco representacións teatrais en diferentes parroquias do municipio de aquí a fin de ano.

A primeira cita será este sábado, día 25, ás 19.00 horas no local da Asociación as Mimosas de Carracido, onde o grupo Ateaco presentará a obra “O home que perdeu a inmortalidade”. A seguinte parada será na Asociación Cultural Penediños de Atios, o domingo 16 de novembro, ás 17.00 horas, coa posta en escena de “O Randiña”, da Asociación Pico do Castro de Foz. Xa o domingo 23 do mesmo mes, ás 18.00 horas, o grupo de teatro das Aras representará “(H) umanidade” na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros. Tamén nesta parroquia, pero no Centro Cultural Alba, Ollomao Teatro presentará “Pan con chocolate” o sábado 20 de decembro ás 19.30 horas e o domingo 21, ás 18.00 horas, o grupo de teatro Lameiro pechará o ciclo con “O lago das nenas malas”, na Asociación Cultural A Forna de Budiño, ás 18.00 horas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta que “Fegateatro é unha oportunidade para achegar a cultura a todos os recunchos do noso concello, tamén ás parroquias e ao rural. Apostamos por descentralizar a oferta cultural, dar vida ás entidades veciñais e recoñecer o papel fundamental que teñen as parroquias como espazos de dinamización social e cultural”.

Con este ciclo, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción das artes escénicas e coa igualdade de acceso á cultura, facendo das parroquias auténticos escenarios abertos á creatividade, á convivencia e á participación cidadá.