- As obras permitiron adaptar as instalacións ás esixencias deportivas actuais e garantir a accesibilidade universal gracias a un investimento de máis de 157.000 euros, financiado na súa maior parte pola Deputación de Pontevedra
- O alcalde Alejandro Lorenzo asegura que se continuará traballando en acondicionar e dispor de maiores instalacións deportivas, dando resposta a una demanda xerada polos numerosos clubs existentes no municipio
O Porriño, 17 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de finalizar as obras de ampliación e mellora da accesibilidade no pavillón municipal e na cancha ao aire libre, nas inmediacións do CEIP Xosé Fernández López. A actuación permitiu modernizar estas instalacións deportivas, dotándoas de maior capacidade, mellores condicións de uso e accesos adaptados para todas as persoas.
O proxecto contou cun financiamento total de 157.086,58 euros, dos cales 120.974,93 euros foron achegados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do I Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, e os 36.111,65 euros restantes foron aportados polo propio Concello.
“Esta obra supón un avance moi importante para o deporte local, porque agora contamos cun pavillón máis funcional, preparado para eventos oficiais e accesible para toda a cidadanía; ademais, supón tamén unha mellora das infraestruturas do colexio Xosé Fernández López, cuxo alumando fai uso destas instalacións e da zona de patio exterior que será con céspede para desfrute de nenos e nenas”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López que se desprazou esta tarde ao Porriño. O rexedor engadiu que “desde o Concello agradecemos o apoio da Deputación de Pontevedra, que fixo posible unha demanda histórica dos clubs e tamén do propio centro educativo, así queremos levar adiante proxectos como este para cumprir co noso deporte e cos centro educativos”.
O Porriño é un dos concellos de Galicia que máis inviste en subvencións nominativas. O alcalde salientou tamén que “a pesar de contar con tres pavillóns municipais no casco urbano e outros máis nos colexios das parroquias, temos unha alta demanda destas instalacións, cuxo uso é de balde, por parte dos clubs e deportistas do noso concello, e traballaremos en dar resposta a ela, mellorando e ampliando a rede deportiva municipal, porque no futuro do Porriño está a práctica deportiva e temos que estar á altura desa realidade”.
As obras realizadas supuxeron a disposición dun maior espazo de xogo interior, así como a creación de dous aseos adaptados, dous vestiarios, dous aseos para os árbitros e un almacén. A intervención desenvolveuse en tres ámbitos principais, por unha banda, acometeuse a ampliación do pavillón, demolendo a grada interior e parte da fachada sur para gañar superficie e adaptar a pista ás medidas regulamentarias requiridas para acoller competicións oficiais. Tamén se instalaron paneis de protección en distintas zonas e construíuse un novo aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida.
Por outra banda, realizouse a reforma e impermeabilización do exterior, incluíndo a substitución do antigo sumidoiro da cancha ao aire libre por un novo sistema de drenaxe, así como a instalación de varandas de vidro para protexer os desniveis existentes trala demolición da grada.
A terceira liña de actuación centrouse na mellora da accesibilidade exterior, coa construción dunha rampla que conecta o colexio, a pista exterior, o espazo público e o interior do pavillón, eliminando barreiras arquitectónicas e incorporando pasamáns e elementos adaptados.
Nun percorrido polas dependencias deste pavillón, Luis López puxo de manifesto o impulso por valor de 525.000 euros cos recursos das tres convocatorias aprobadas deste plan para modernizar as instalacións municipais do Porriño que marcarán un antes e un despois para a práctica deportiva neste Concello.
As obras realizáronse respectando os espazos públicos existentes, sen afectar ao mobiliario, pavimentos nin percorridos peonís. O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso coa promoción do deporte, a accesibilidade e a mellora continua das infraestruturas municipais