- O alcalde do Porriño recibe ao Club Ciclista da Máster Louriña en recoñecemento ao mérito deportivo logo dunha tempada histórica
O Porriño, 18 de outubro de 2025.- O equipo élite-sub23 masculino LASAL COCINAS – GRUPO ODL CRAEGA, pertencente ao Club Ciclista Máster da Louriña, foi recibido polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, tras lograr situarse como líder do ranking nacional da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) na categoría Élite.
Este recoñecemento chega despois dunha tempada de enorme esforzo e dedicación, na que os corredores acumularon máis de 40 días de competición, superando os 4.000 km en carreiras oficiais e máis de 15.000 km en adestramentos e concentracións. Un traballo colectivo que culmina cun resultado histórico para o ciclismo galego e para a comarca da Louriña.
“É un orgullo para O Porriño contar cun equipo que leva o nome da nosa vila por todo o país con tanta dignidade, traballo e humildade. Dende o Concello seguiremos apoiando o deporte base e de alto nivel como o que representa o Club Ciclista Máster Louriña”, destacou o alcalde durante o acto de recepción no Concello.
Pola súa banda, o corpo técnico do equipo agradeceu o apoio constante de institucións, patrocinadores e familias que fixeron posible este soño, subliñando que “isto é froito do compromiso dun grupo humano excepcional, tanto dentro como fóra da estrada”. O encontro serviu tamén para facerlle entrega ao alcalde dun maillot conmemorativo e outros dous aos principais patrocinadores privados do proxecto, Rafa Pérez de Lasal Cocinas e Juan Castaño do Grupo ODL.
Unha vez finalizada a tempada, o club afronta novos retos de cara a 2026 e seguir facendo historia no ciclismo español. “O obxectivo para o ano é consolidar o proxecto cunha sede social á vez que intentar manter aos equipos masculino, feminino e adaptado ao máximo”, sinalan. E é que son o único club de toda España de ciclismo que ten as tres seccións disputando as copas de España.
Dende o Concello do Porriño reafírmase o compromiso co deporte como motor de cohesión social, promoción da saúde e proxección do noso territorio. O éxito do Club Ciclista Máster Louriña non só é motivo de orgullo para a nosa vila, senón tamén un exemplo inspirador para as xeracións futuras. “Continuaremos traballando da man dos clubs locais para que O Porriño siga sendo berce de talento, esforzo e superación”.