- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e da concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, fixo entrega ás persoas participantes dos certificados de profesionalidade os cales lle permitirán acceder con maiores competencias ao mercado laboral
O Porriño, 14 de outubro de 2025.- O Programa de Emprego “O Noso Encontro co Emprego” chegou hoxe ao seu fin. Promovido polo Concello do Porriño e cofinanciado pola Xunta de Galicia, a iniciativa permitiu a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mellorar as súas competencias profesionais, a súa empregabilidade e as súas opcións de inserción laboral.
O programa desenvolveuse durante os últimos doce meses e contou cun investimento total de 483.653 euros, dos cales 438.603 euros foron achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A iniciativa incluíu formación nas especialidades de albanelaría de urbanización e carpintería de madeira, cunha carga lectiva que combinou teoría, práctica, formación sempre acorde coas necesidades e demandas reais do tecido empresarial más próximo, e actuacións de interese social
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que este tipo de programas “teñen un dobre impacto moi positivo, por unha banda, forman e capacitan aos nosos mozos e mozas para acceder ao mercado laboral con máis ferramentas, e por outra, repercuten directamente na mellora do noso concello con obras reais e útiles para toda a cidadanía”. Fíxoo durante o acto de entrega de certificados de profesionalidade ao que asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.
Entre as obras realizadas destacan a renovación das beirarrúas na rúa Paralela 3 do Polígono Empresarial da Granxa e a reparación das pasarelas de madeira do paseo do río Louro, actuacións que melloran a mobilidade e os espazos públicos do municipio.
Durante a súa formación, os 16 participantes recibiron tamén formación complementaria en igualdade, prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilización ambiental, técnicas de busca de emprego e creación de empresas, e puideron obter diversos certificados de profesionalidade recoñecidos oficialmente.
A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, puxo en valor o compromiso do alumnado participante e o traballo realizado “agardamos que este obradoiro sexa un punto de partida cara a unha inserción laboral estable e de calidade”. Neste senso, é a destacar a decisión dalgúns dos participantes de cursar un ciclo de formación profesional de Carpintería para realizar os módulos restantes, xa que poderá convalidar os feitos neste programa e outros xa están en contacto con empresas, algunhas das cales precisarán cubrir postos proximamente. Na modalidade de albanelaría, a maioría amosan interese en traballar en postos relacionados coa formación realizada.
O Concello reafirma así a súa aposta por programas que combinen formación práctica, inserción laboral e mellora das infraestruturas municipais, e agradece o apoio da Xunta de Galicia por facer posible esta iniciativa.
Entrega de diplomas do curso de competencias dixitais
Tamén en materia de emprego e formación, o Concello do Porriño celebrou o acto de entrega de diplomas ás persoas que completaron con éxito a formación en Competencias Dixitais, impartida no Centro de Capacitación, situado no edificio Multiusos de Torneiros.
Este curso, de 30 horas de duración, ofreceu unha formación práctica e aplicada para o manexo das tecnoloxías actuais, co obxectivo de mellorar a autonomía dixital da cidadanía e favorecer a súa inserción laboral nun contexto cada vez máis dixitalizado.
Foron ofertadas 200 prazas, das cales 154 persoas completaron e superaron satisfactoriamente o curso. O alumnado participante estivo formado por mulleres e homes, sendo a maioría mulleres, con idades comprendidas principalmente entre os 30 e os 57 anos. Participaron persoas desempregadas, traballadoras en activo, opositoras, estudantes e incluso persoas xubiladas que buscaron actualizar ou mellorar as súas competencias no uso da tecnoloxía.