- O CEIP Xosé Fernández López foi o escenario inaugural deste proxecto educativo da Deputación de Pontevedra e AGAPI
- O alcalde, e deputado provincial, Alejandro Lorenzo subliñou a importancia de apostar pola cultura como base para unha educación moderna, integradora e conectada coa realidade do país
O Porriño, 13 de outubro de 2025.- “O Porriño aposta polo poder da cultura como ferramenta educativa e transformadora, e por iso é unha honra sermos o primeiro concello en acoller esta iniciativa tan enriquecedora”. Así o manifestou esta mañá o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo durante a inauguración do programa “O Oficio de Producir”. O CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López foi hoxe escenario da primeira sesión desta iniciativa posta en marcha polo Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).
O rexedor, e tamén deputado provincial, destacou que esta actividade “non só achega o audiovisual galego ás aulas dun xeito didáctico, educativo e atractivo, senón que tamén amosa ás nosas nenas e nenos que en Galicia existe unha industria creativa viva e con futuro”. Na súa intervención subliñou a importancia de apostar pola cultura como base para unha educación moderna, integradora e conectada coa realidade do país.
A sesión, á que tamén asistiu o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez, estivo a cargo de Alba Prol, produtora executiva da compañía Meteórica e directora da serie documental internacional O gran Camiño. A través dunha presentación participativa e adaptada á idade do alumnado, explicou o proceso de produción dunha serie documental e compartiu anécdotas do seu traballo na televisión, amosando a diversidade de profesionais que participan na creación de contidos audiovisuais.
A actividade, que se desenvolveu de maneira dinámica e participativa, permitiu ao alumnado coñecer como é o traballo dunha produtora, que perfís profesionais existen dentro do sector e como os contidos audiovisuais poden ser tamén unha ferramenta para ensinar historia, xeografía, lingua galega ou valores sociais.
Un proxecto para espertar vocacións e fomentar o coñecemento do audiovisual galego
“O Oficio de Producir” desenvólvese en seis concellos da provincia durante o mes de outubro. Tras esta primeira parada no Porriño, as vindeiras sesións terán lugar en Mondariz-Balneario, Poio, Meaño, A Guarda e Gondomar, con produtoras e produtores como Simone Saibene, Dani Froiz, Gael Herrera, Mercedes García-Nieto, Mónica Hidalgo ou Álvaro Becerra.
O programa nace coa intención de amosar ao alumnado que en Galicia se fai cine, televisión e contidos dixitais de calidade, e que o audiovisual pode ser tamén unha saída profesional para o futuro. Ademais, os centros participantes poderán empregar fragmentos de películas, series e documentais galegos como recurso didáctico nas aulas.
Con esta proposta, a Deputación de Pontevedra e AGAPI consolidan a súa aposta por un modelo educativo que integra a cultura como eixo vertebrador, reforzando a identidade e o coñecemento do territorio a través da creación audiovisual.