- A excursión, de balde, inclúe visitas culturais e un paseo en barco polos Canóns do Sil e está dirixida a persoas maiores de 55 anos que poden inscribirse a partir deste mércores no rexistro do Concello
- O Concello reforza a súa aposta pola difusión cultural e abre unha nova canle de comunicación directa coa veciñanza para informar sobre actividades e iniciativas de lecer
O Porriño, 13 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo, volve poñer en marcha unha nova viaxe turística dirixida ás persoas maiores de 55 anos. Nesta ocasión, o destino será O Carballiño, Ourense cidade e un paseo en barco polos Canóns do Sil, o vindeiro luns, 20 de outubro, con saída ás 10.15 horas dende o pavillón de Deportes.
A xornada inclúe a visita ao Templo da Vera Cruz, unha das obras máis emblemáticas do arquitecto Antonio Palacios, orgullo e referente do patrimonio galego, así como unha visita guiada pola cidade de Ourense e unha travesía fluvial polo Sil, para gozar da natureza e das vistas espectaculares dos seus canóns.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas viaxes, ademais de promover o turismo de proximidade e o coñecemento da nosa terra, ofrecen ás persoas maiores unha marabillosa oportunidade para convivir, descubrir novos lugares e seguir activos”. Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “cada edición destas viaxes ten unha acollida excelente e esta promete ser unha das máis especiais pola beleza do itinerario e o vínculo con Antonio Palacios”.
As inscricións abriranse o mércores, 15 de outubro, e poderán realizarse no Rexistro Xeral do Concello, por orde de inscrición ata completar as 50 prazas dispoñibles. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude.
Dende o Concello do Porriño séguese promovendo iniciativas de lecer e carácter cultural como esta. “A aposta por achegar a cultura á veciñanza continuará sendo unha prioridade dentro da programación municipal”, subliña o alcalde incidindo neste sentido en que “dende o Concello, ademais de divulgar todas estas iniciativas a través dos medios de comunicación, webs e redes sociais, tamén llo trasladamos ás diferentes asociacións veciñais para que teñan un coñecemento inmediato e directo e agora ademais abrimos unha nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información no lo trasladen, rexistrando esa petición, para a partir de aí recibir persoalmente tódolos avisos respecto da posta en marcha de actividades como estas nas que pode participar”.