- Mañá sábado celébrase a VII Feira do Pan, o VIII Trofeo Ciclocrós Avanza, o IV Festival de Outono, o II Bingo solidario a favor de Afaga e a II Festa Furancheira
- O domingo conmemorarase o Día da Hispanidade e Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, cun acto litúrxico, ofrenda floral e entrega condecoracións
O Porriño, 10 de outubro de 2025.- O Porriño vivirá unha fin de semana repleta de actividade, cultura, gastronomía e solidariedade cunha axenda chea de eventos que prometen atraer a veciñanza e visitantes. Dende o deporte de alto nivel ata a exaltación do produto local, pasando pola música tradicional, a boa mesa e as iniciativas solidarias, a vila converterase nun punto de encontro para todos os públicos.
O sábado, 11 de outubro, a partir das 11.00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios será o escenario da VII Feira do Pan do Porriño, unha celebración do produto estrela da vila que mestura gastronomía, tradición e cultura. A feira contará con showcooking da recoñecida cociñeira Coque Fariña, degustacións, obradoiro infantil “Peque Pan”, feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, actuacións musicais e unha experiencia gourmet con produtos con Denominación de Orixe.
Tamén mañá, O Porriño acollerá a primeira proba da Copa Galicia de Ciclocrós, o VIII Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño, que reunirá máis de 250 ciclistas das diferentes categorías nas inmediacións da pista de atletismo do Polígono da Granxa. A competición desenvolverase dende as 11.00 horas ao longo dun circuíto de preto de 3 km. Unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego, que promove o deporte base e de competición nun entorno privilexiado.
Pola noite, ás 21.00 horas, o Círculo Recreativo Cultural acollerá o II Bingo Solidario en apoio de Afaga Alzheimer, organizado por ACIPOR, CCAMorea e o propio Círculo. A totalidade da recadación destinarase á asociación, que traballa mellorando a calidade de vida das persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias. Unha noite para colaborar cunha boa causa e, ao mesmo tempo, pasalo ben.
Na parroquia de Atios, Os Penediños celebran o seu V Festival de Outono, no centro cultural. Haberá magosto popular durante toda a xornada e a partir das 17.00 horas festival folclórico coas actuacións de Os Moleirinhos do Gandanha, chegados dende Monçao; Do Lado do Sol, de Abegondo e os anfitrións, Os Penediños de Atios. Ás 19.30 horas continuará a festa amenizada pola Charanga Nova Jomada e xa pola noite, a partir das 22:30 horas, actuación de Lina e Lola e Murghinsky.
O ambiente máis enxebre da fin de semana estará no Barrio da Cruz de Budiño, coa II Festa Furancheira, que terá lugar as noites dos venres 10 e 17 e sábados 11 e 18 de outubro. Dende as 19.00 horas haberá viño do país, comida caseira, música tradicional, gaiteiros e a tradicional queimada, á medianoite, con Suso Ferreiro.
Xa o domingo, 12 de outubro, O Porriño conmemora o Día da Hispanidade, unha data que, como cada ano, destaca polo acto celebrado pola Garda Civil con motivo da festividade da súa patroa, a Virxe do Pilar. Será ás 12.45 horas cando se oficie a misa na igrexa parroquial de San Rosendo de Torneiros e posteriormente, no Cuartel terá lugar a xa tradicional ofrenda floral aos Caídos e entrega de condecoracións aos profesionais do Corpo distinguidos na prestación do servizo.
“Esta fin de semana, O Porriño converte en protagonista o seu deporte, a súa gastronomía, a súa música e a súa solidariedade. Un convite aberto para veciños, veciñas e visitantes a desfrutar dunha vila viva, chea de actividade e orgullosa da súa identidade”, conclúe o alcalde Alejandro Lorenzo.