- As obras, cun investimento de case 450.000 euros, inclúen zonas axardinadas e melloras na accesibilidade e eficiencia das instalacións, así como o acondicionamento do chan do ximnasio e do teito do pavillón 2
- O alcalde asegura que se dá resposta a unha demanda da veciñanza que a partir de agora poderá empregalas todo o ano sen depender das condicións meteorolóxicas
O Porriño, 6 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño porá en marcha nas vindeiras semanas un proxecto integral de mellora do Complexo Deportivo Municipal, situado na Rúa Doantes de Sangue. A actuación contempla dúas liñas principais, por unha banda, a cubrición das dúas pistas de pádel exteriores, e por outra, o acondicionamento completo da contorna exterior, coa creación de novas zonas verdes e elementos destinados a mellorar a eficiencia enerxética e a estética do espazo.
O investimento total previsto ascende a 448.968,48 euros. Deste importe, 204.404,30 euros serán financiados a través dunha subvención do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID II), mentres que o Concello asumirá o importe restante, por valor de 244.564,18 euros. O proxecto está en licitación e unha vez adxudicada a obra o prazo de execución será de catro meses.
“Esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza, que reclamaba poder utilizar as pistas de pádel durante todo o ano. Cubrilas era unha necesidade que agora facemos realidade, sen renunciar ao seu carácter de instalación ao aire libre”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. O rexedor engadiu que “tamén damos un paso importante na mellora do aspecto xeral do complexo deportivo, creando un espazo máis amable, máis verde e máis integrado na contorna. Este tipo de intervencións melloran a calidade de vida da cidadanía e reforzan a nosa aposta polo deporte e a sustentabilidade”.
Un dos elementos máis destacados do proxecto será a cubrición das dúas pistas de pádel exteriores, que permitirá o seu uso durante todo o ano sen depender das condicións meteorolóxicas. A estrutura proxectada será independente e abranguerá non só o espazo de xogo, senón tamén as zonas de circulación adxacentes, garantindo unha mellor protección e confort para os usuarios. A solución adoptada respectará a esencia de espazo aberto e ventilado, mantendo as condicións propias dunha instalación ao aire libre, pero con maior comodidade e funcionalidade.
En paralelo, acometerase unha transformación da contorna do complexo coa renovación das zonas axardinadas existentes, a creación de novas áreas verdes mediante xardineiras, a instalación dun xardín vertical na fachada acristalada da piscina e a incorporación de mobiliario urbano como bancos. Esta intervención contribuirá a mellorar a imaxe urbana do conxunto, ao tempo que permitirá reducir o impacto térmico sobre a piscina grazas ao muro vexetal, aumentando así a súa eficiencia enerxética. Por outra banda, a obra suporá tamén o acondicionamento do chan do ximnasio do polideportivo, así como do teito do pavillón 2.
O Concello do Porriño reafirma con esta actuación o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas e co desenvolvemento de espazos públicos que favorezan unha vida activa, saudable e respectuosa co medio ambiente.