• Servíronse 9.800 racións nunha xornada festiva que encheu as rúas da vila de veciños e visitantes e puxo o punto final a un mes cheo de celebracións

O Porriño, 5 de outubro de 2025.-  Sabor a éxito este domingo no Porriño. A capital do Val da Louriña viviu unha das xornadas máis multitudinarias do ano coa celebración da XXXII Festa dos Callos, que se consolidou como unha cita imprescindible no calendario gastronómico e festivo da vila. Dende o mediodía, unha multitude de veciños e visitantes degustan este prato tradicional do municipio, que se sirve en 33 establecementos de hostalería, cada un cunha receita única pero todos ao prezo único de 8 euros.

A acollida non puido ser mellor: 9.800 racións foron servidas ao longo da xornada, esgotándose en moitos locais, nun ambiente amenizado por batucadas, charangas e actividades para toda a familia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mostrou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e agradeceu a implicación da hostalaría local e a participación masiva da cidadanía. “O Porriño volveu demostrar que é un lugar onde tradición, innovación e festa camiñan da man. A Festa dos Callos non é só unha cita gastronómica, é un reflexo do mellor que temos como vila: unión, creatividade e hospitalidade. Quero agradecer o esforzo de todos os locais participantes e o entusiasmo da xente que nos está a acompañar”.

A xornada comezou pola mañá co Torneo Individual Patín Porriño no pavillón municipal. Pola tarde, a Praza 8 de Marzo acollou as finais, infantil e de adultos, do certame “Tes Talento?”.  A Banda de Música Cultural de Salceda ofreceu un concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios e para pechar a programación, verbena con El Combo Dominicano, na rúa Antonio Palacios.

“Non se me ocorre mellor forma de despedir as Festas do Cristo 2025 que cun día como este, cheo de vida, cultura e sabor. Xa estamos a pensar na edición do ano que vén, pero antes, toca agradecer a todas as persoas, asociacións e entidades que fixeron posible este mes inesquecible”, concluíu o rexedor.