- Este domingo 182 ciclistas participarán na marcha organizada pola Asociación Deportiva A Forna, que percorre O Porriño, Salceda e Ponteareas
O Porriño, 3 de outubro de 2025.- Chega una nova edición, e xa van vinte, da Ruta BTT Faro de Budiño, unha cita emblemática do calendario deportivo local e comarcal. Organizada pola Asociación Deportiva A Forna – Budiño Bike, co apoio do Concello do Porriño, a marcha celebrarase este domingo 5 de outubro, con saída ás 09.00 horas desde o Centro Cultural A Forna e un percorrido que atravesará varias parroquias do Porriño, así como zonas dos concellos de Salceda de Caselas e Ponteareas.
O evento reunirá a 182 participantes e estenderase durante toda a mañá ofrecendo unha experiencia de deporte, natureza e celebración comunitaria. Haberá tres rutas, unha longa de 60 quilómetros, outra media de 42 km e unha curta de 24 km.
Durante a presentación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o traballo da organización e a continuidade do evento. “A Ruta BTT Faro de Budiño é un exemplo de como o deporte pode unir parroquias, concellos e xeracións. Levar 20 anos rodando é unha fazaña que fala da paixón e compromiso da Asociación Deportiva A Forna co ciclismo e co territorio.”