• Alejandro Lorenzo enxalza o compromiso, a continuidade xeracional e o impacto económico desta entidade durante unha visita institucional xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, as súas instalacións no Polígono da Granxa

O Porriño, 3 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo hoxe en valor a traxectoria da empresa Darlim, que representa un modelo de éxito da empresa familiar galega, durante unha visita institucional as súas instalacións, no polígono da Granxa, na que acompañou á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. A compañía, con máis de 40 anos de historia, é unha das referencias do sector a nivel nacional e encarna á perfección o papel estratéxico que xogan as empresas familiares no tecido económico da nosa comunidade.

“Darlim é un orgullo para O Porriño, para Galicia e para todo o país. Un exemplo claro de como a empresa familiar, con compromiso, esforzo e visión de futuro, pode medrar xeración tras xeración ata converterse nunha referencia no seu sector”, sinalou Lorenzo.

Durante a visita, na que estivo presente a directiva de Darlim encabezada polo seu presidente Indalecio Cuevas, e á cal tamén asistiu o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, o rexedor subliñou o valor engadido que supón a incorporación da cuarta xeración da familia Cuevas á fronte da empresa. “É unha mostra de continuidade, arraigo e compromiso co territorio. Unha empresa que naceu no Porriño, que creceu aquí e que segue apostando polo noso concello como centro das súas operacións”, engadiu.

Pulmón industrial e motor económico

Lorenzo definiu O Porriño como o “pulmón industrial de Galicia”, cunha concentración empresarial que achega riqueza, innovación e emprego de calidade. “Temos a sorte de contar con empresas punteiras como esta, que non só xeran emprego, senón que aplican políticas de benestar laboral que son exemplo para calquera outra compañía”, destacou.

Segundo os datos que ofreceu a conselleira, máis do 80% do emprego privado en Galicia procede da empresa familiar, e no caso galego o peso destas empresas supera o 94% do tecido empresarial, moi por enriba da media estatal.

Pola súa banda, o presidente de Darlim, Indalecio Cuevas, agradeceu a visita e reafirmou o compromiso da empresa co territorio e co futuro: “Estamos moi orgullosos do noso equipo humano, que é a clave do noso crecemento. Levar máis de 40 anos traballando e ver como a cuarta xeración toma a remuda é, sen dúbida, a nosa maior satisfacción.