- O certame arranca mañá sábado coas dúas semifinais e o domingo serán as finais infantil e de adultos, cun primeiro premio de 1.000 euros e a produción dun tema propio
- As Festas do Cristo rematan con moita música e a cita gastronómica dos Callos
O Porriño, 3 de outubro de 2025.- O Porriño acollerá esta fin de semana, na Praza 8 de Marzo, unha nova edición do tradicional concurso musical “Tes Talento?” unha cita xa consolidada nas Festas do Cristo e que nesta edición contará cun total de 22 artistas emerxentes seleccionados para participar na semifinal que se celebrará mañá sábado en dúas quendas, a primeira ás 17.00 horas e a segunda ás 20.00 horas, de aí sairán os doce finalistas que competirán o domingo, a partir das 19.00 horas. Esa mesma xornada, ás 17.00 horas será tamén a final infantil, da que participarán seis rapaces de entre 10 e 15 anos.
As diferentes galas estarán amenizadas por gañadores doutras edicións que actuarán durante a deliberación do xurado, así na primeira semifinal actuará Laura Marino (gañadora en 2023), na segunda Amparo Mosquera (gañadora en 2024), na final infantil tocarán Xeración e na final de adultos actuará Íker Faure.
“‘Tes Talento?’ é unha oportunidade fundamental para descubrir e apoiar os novos talentos musicais do noso Concello. Queremos ofrecer un espazo onde os artistas locais emerxentes, que moitas veces precisan dese empuxe para dar a coñecer a súa música, poidan brillar e medrar profesionalmente a través desta oportunidade, de poder subirse a un escenario e amosar diante dun xurado profesional e tamén dun gran público, o seu potencial”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.
Os premios establecidos nesta edición son de 1.000 euros e a produción dun tema propio (valorado en 600 euros) para o primeiro posto, 400 euros para o segundo e 250 euros para o terceiro no caso da modalidade de adultos. En infantil farase entrega dun lote de produtos escolares xunto cun trofeo para os tres finalistas clasificados.
O “Tes Talento?” é un dos pratos fortes da programación das Festas do Cristo que remata esta fin de semana e que vén cargada de moitas outras actividades. “Estamos a piques de poñerlle o broche final a unhas Festas do Cristo 2025 que, unha vez máis, converteron O Porriño nun punto de encontro para o desfrute, a cultura e a tradición. Quero agradecer a implicación de todas as asociacións, colectivos e artistas que fixeron posible esta programación tan diversa e participativa. Esta fin de semana temos actividades para todas as idades, desde a música das orquestras e os concertos do Montando O Cristo, ata a emoción do ‘Tes Talento?’ ou o sabor auténtico dos nosos callos. Animo a toda a veciñanza e ás persoas que nos visitan a seguir desfrutando con alegría destes últimos días de festa. O Porriño demostra, unha vez máis, que sabe celebrar unido e con corazón”, sinala o alcalde.
Programación da fin de semana
Esta mesma tarde, o colectivo Bico de toupa traerá ao Parque Infantil unha serie de xogos de madeira para desfrute dos máis pequeno da casa, en horario de 18.00 a 21.00 horas; e pola noite verbena coas orquestras Distrito 7, na Praza Central, e Solara, na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
Mañá sábado, animación de rúa con batucadas e charangas, de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.00 horas. Ás 13.00 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, concerto da Banda de Gaitas Charamuscas da SCDR Helios de Bembrive. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, exhibición de scalextric a cargo do Slot Club Porriño no Parque do Cristo e á mesma hora, na Praza 8 de Marzo, dará comezo a primeira das semifinais do Tes Talento?. Por outra banda, a partir das 19.00 horas, 300 corredores de tódalas idades tomarán a saída, de xeito escalonado segundo a categoría, na XIII Milla Porriñesa. Pola noite, verbena coas orquestras Costa Blanca, na Praza Central, e Pontevedra, na Praza Arquitecto Antonio Palacios e, de xeito paralelo, na Praza de San Sebastián, celebrarase a undécima edición do festival Montando O Cristo coas actuacións de Elëven, Santo Rostro, Lucifèrnaga e Electric Läger.
Os callos serán os protagonistas da xornada dominical que se abrirá co Torneo Individual Patín Porriño que se celebrará ao longo do día no pavillón municipal. Será a partir das 12.00 horas, coincidindo coa animación de rúa con batucadas e charangas, cando 33 establecementos hostaleiros da vila comecen a servir este prato típico da Louriña ao prezo único de 8 euros, no que se inclúe a ración de callos, pan e a cazola de barro conmemorativa. Pola tarde, ademais das finais do “Tes Talento?”, a Banda de Música Cultural de Salceda ofrecerá un concerto, ás 19.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e para rematar, o broche de ouro ás Festas do Cristo 2025 porao El Combo Dominicano, a partir das 21.00 horas na rúa Antonio Palacios.