• Alejandro Lorenzo participa nunha xornada que reuniu a 120 distribuidores chegados de medio cento de países de todo o mundo que viñeron coñecer as novas instalacións desta empresa localizada no polígono das Gándaras

O Porriño, 1 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo vén de participar esta mañá dunha xornada internacional celebrada na empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas). 120 representantes comerciais de todo o mundo coñeceron as instalacións recentemente ampliadas desta multinacional galega que impulsa dende O Porriño produtos para o sector da alimentación e farmacéutico.

“Ceamsa é un exemplo de innovación, internacionalización e compromiso co territorio. A súa expansión confirma que O Porriño é un enclave estratéxico para a industria galega con vocación global. Dende o Concello celebramos este crecemento, é un orgullo que empresas desta dimensión sigan escollendo o noso municipio como base de operacións para chegar ao mundo enteiro”, sinalou o alcalde durante a súa visita ás instalacións, localizadas no polígono das Gándaras. Durante o recorrido, o rexedor estivo acompañado do presidente de Ceamsa, Íñigo Alzueta; a vicepresidenta, Mónica Alzueta e o director xeral, Julio Juberías.

Todas as persoas participantes da xornada de hoxe son distribuidores de Ceamsa chegadas de medio cento de países como EE.UU., Sudáfrica, México, Brasil, India ou China. A ampliación da superficie supón  unha aposta polo concello porriñés como punto de partida para chegar ao resto do planeta, pasando de 40.000 a 90.000 metros cadrados de superficie, destinada principalmente a almacenaxe para lograr así un maior control loxístico propio e un incremento de capacidade produtiva.

Os asistentes visitaron as instalacións centrais e participaron de sesións de traballo nos laboratorios da empresa, onde coñeceron de primeira man as últimas innovacións tecnolóxicas e de produto que está a desenvolver Ceamsa, que conta cun cadro de persoal de máis de 400 traballadores e prepara xa o seu 60 aniversario o vindeiro ano.