• 33 establecementos hostaleiros da vila servirán os callos o vindeiro domingo, 5 de outubro, a partir das 12.00 horas, ao prezo único de 8 euros

O Porriño, 30 de setembro de 2025.- A Praza do Concello acolleu este serán o acto de presentación da XXXII Festa dos Callos, un dos eventos gastronómicos máis arraigados da comarca que, como vén sendo habitual, porá o broche de ouro das Festas do Cristo.

O acto contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo; os deputados provinciais, Jorge Cubela e Javier Tourís; o recoñecido cociñeiro galego con estrela Michelín, Yayo Daporta e José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, ademais dunha representación de hostaleiros, de asociacións culturais, veciñais e deportivas do municipio e veciños,  que participaron da degustación deste prato tradicional coa que rematou o acto.

“A Festa dos Callos é moito máis ca unha cita gastronómica, é un reflexo da nosa identidade como pobo, da nosa capacidade para mesturar tradición e innovación e da forza do noso tecido hostaleiro e social”, sinalaba o alcalde que convidou “a toda a veciñanza do Porriño, da comarca e de toda Galicia a que se acheguen este domingo a gozar dunha xornada única, onde a boa comida, o ambiente festivo e o orgullo de ser do Porriño se mesturan nun prato tan noso como son os callos”.

Nesta edición, a festa dá un paso máis alá ao contar, durante o acto de presentación deste serán, coa participación especial de Yayo Daporta, membro do grupo Nove, quen presentou unha receita exclusiva de callos, que une creatividade culinaria e respecto pola tradición. Trátase de dúas elaboracións singulares: “callos de tenreira estofados como unha cochinita pibil” e “callos de bacallau ao pilpil”, que se fusionan nun prato único e cuxos ingredientes, modo de elaboración e preparación foi presentado durante o acto, desvelando así o “segredo” entre tódolos asistentes.

A XXXII Festa dos Callos celebrarase este domingo, 5 de outubro, a partir das 12.00 horas, e contará coa participación de 33 establecementos hostaleiros da vila, que ofrecerán cadansúa receita de callos, poñendo en valor a diversidade e a creatividade da gastronomía local. As racións poderán degustarse ao prezo único de 8 euros, que inclúe ración de callos, pan e unha cazola de barro conmemorativa.