• O Concello, o único do sur da provincia que rexistra unha subida de alumnado, celebrou a apertura no CEIP de Atios coa participación das directivas dos diferentes centros educativos do municipio, a asistencia do alcalde Alejandro Lorenzo e alumnado que amenizou o acto cun espectáculo de monicreques

O Porriño, 30 de setembro de 2025.- O CEIP de Atios, no Porriño, acolleu esta mañá o acto oficial de apertura do curso escolar 2025/2026. A cita reuniu aos directores dos diferentes centros educativos do municipio, encabezados polo do colexio anfitrión, Roberto Devesa; ao alcalde Alejandro Lorenzo; á concelleira de Educación, Carolina González e á inspectora de Educación da Xunta de Galicia, Marina Couñago. O acto contou cunha representación de monicreques a cargo dun grupo de escolares do propio centro, que foi recibida con entusiasmo por parte de tódolos asistentes.

O alcalde Alejandro Lorenzo foi o encargado de dar a benvida ao novo curso, trasladando o seu agradecemento ao profesorado e ao persoal dos centros polo seu traballo diario. Durante a súa intervención, destacou os datos positivos que sitúan ao Porriño como unha excepción dentro da área de Vigo. “É unha gran noticia que, nun contexto xeral de descenso demográfico e perda de alumnado, O Porriño sexa o único municipio da área de Vigo que segue medrando. Isto non só amosa a vitalidade da nosa vila, senón tamén a confianza das familias nos servizos públicos, na educación e na calidade de vida que ofrecemos”

Segundo os datos de matriculación deste curso 2025/2026, O Porriño conta con 2.695 alumnos matriculados, 31 máis ca no curso anterior. Trátase do único concello da contorna que rexistra un incremento, nun contexto xeral no que a maioría dos municipios da comarca e da comunidade autónoma presentan un descenso nas cifras de alumnado. As etapas de Educación Infantil e Bacharelato son as que concentran os principais aumentos. Educación Infantil suma sete novos alumnos e Bacharelato experimenta un crecemento notable do 27 % con respecto ao curso pasado.

O alcalde resaltou que estes datos son reflexo da boa saúde demográfica do municipio e da súa capacidade para atraer novas familias. “O Porriño é un lugar para vivir, traballar e formar unha familia. Seguiremos reforzando os servizos e a oferta educativa para dar resposta a esta realidade en positivo”.