- As xogadoras do equipo feminino de División de Honra do Club do Balonmán Porriño puxeron voz ao pregón das Festas do Cristo 2025
- Esta noite DJ Sash! subirase ao escenario do Dabuten! Remember Festival e antes, actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos. A programación continuará mañá domingo e o luns
O Porriño, 27 de setembro de 2025.- Cun berro de equipo “Porriño en festas” así foi como deron o pistoletazo de saída oficial das Festas do Cristo as pregoeiras deste ano. As xogadoras do equipo feminino de División de Honra do Club de Balonmán Porriño subíronse ao balcón do Concello para dirixirse á veciñanza e visitantes que ateigaban este mediodía a Praza Arquitecto Antonio Palacios. Alicia, Aitana, Paula, Iria e Katia foron as encargadas de poñerlle voz a todo o equipo, subcampión de Europa cunhas verbas cheas de emoción, orgullo e gratitude, as mesmas coas que o alcalde Alejandro Lorenzo se dirixiu tamén a elas. “Hoxe é un día especial para todo o Porriño. As nosas festas comezan coa forza, a ilusión e o exemplo dun grupo de mulleres que levan o nome do noso concello por toda Europa con orgullo e dignidade. Elas representan o mellor do noso pobo: esforzo, traballo en equipo, humildade e paixón polo que se fai. Por iso, este ano, decidimos que sexan elas as encargadas de dar o pregón e prender a chama desta celebración. Porque elas son un exemplo para a nosa mocidade, un orgullo para a nosa veciñanza e un símbolo da unión entre deporte, cultura e tradición. Porriñesas e porriñeses, co voso permiso… deixámosvos coas auténticas campioas: as pregoeiras das Festas do Cristo 2025!”
Durante as súas intervencións, as xogadoras destacaron o apoio incondicional que sempre reciben da afección e da veciñanza en xeral, a importancia das tradicións locais e o vínculo entre deporte e comunidade. Houbo lembranzas, recoñecementos ás persoas que coidaron e coidan con tanto agarimo a capela do Cristo, referencias ao ambiente festivo do Porriño e moito humor compartido co público, sen esquecerse de animar a todos os presentes a que acudan ao pavillón municipal a ver os seus partidos.
As xogadoras puxeron en valor o papel do club como símbolo de unión e inspiración para a mocidade, e remataron cun berro colectivo que puxo a praza en pé: “1, 2, 3… Porriño en festas!”. Un inicio perfecto para unhas festas pensadas para todas e todos, “igual que o balonmán”, e para as que deron un consello ”gardar forzas atar o final… pois temos escoitado que poderían incluír os nosos adestramentos como parte do programa nas vindeiras festas e a mestura pode ser explosiva”, advertiron entre sorrisos.
A festa continuará ao longo de toda a xornada de hoxe, prolongándose ata o vindeiro luns, festividade local no Porriño. Así, esta tarde, a partir das 18.30 horas, haberá animación de rúa con batucadas. Ás 19.00 horas no Parque do Cristo tocarán a Agrupación Musical do Porriño e a Banda Unión Musical de Tenorio e ás 21.00 horas a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ofrecerá un concerto en Domingo Bueno e a orquestra Ritmo Joven amenizará a verbena a partir das 22.30 horas na Praza Central.
O DJ e produtor máis icónico da escena dance europea dende os anos 90, Sash! será o cabeza de cartel do Dabuten! Remember Festival, a gran cita musical da xornada, a partir das 22.00 horas, con entrada gratuíta, no aparcadoiro da rúa Progreso. A actuación de Sash! está previstas para as 00.30 horas, previamente actuarán Dmirón (22.00 h) e Traffic House (23.15 h) e despois Groove Amigos (01.45 h) e Michi (03.00 h).
Domingo 28
Os actos relixiosos centran a xornada matinal do domingo. A misa solemne oficiarase ás 12.00 horas na igrexa de Santa María, amenizada pola Coral Polifónica da EMM do Porriño, trala cal terá lugar a procesión do Santísimo Cristo da Agonía cara a capela do Cristo, acompañada pola Banda de Guerra da Brilat, a Escuadra de Gastadores e a Banda de Gaitas Os Coribantes.
De novo haberá animación de rúa con batucadas e charangas, de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.30 horas. E para os máis pequenos da casa, ás 18.00 horas chegará ao Porriño o espectáculo de Cantajuego “Coco y Pepe”, na rúa Domingo Bueno, de xeito paralelo no Parque do Cristo, haberá tamén obradoiro infantís.
A partir do serán música, primeiro da man de Os Coribantes, ás 19.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e logo coas orquestras Galilea e América, a partir das 21.00 horas, na Praza Central e na rúa Domingo Bueno.
Luns 29
O luns, festividade local, oficiarase a xa tradicional a misa solemne de campaña ao mediodía no Parque do Cristo e ao rematar concerto da Banda de Música Municipal de Redondela, que volverá a actuar pola tarde, ás 19.00 horas, no mesmo lugar xunto coa Banda de Música Cultural de Arcade. Haberá tamén animación de rúa de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.30 horas. Ademais, ás 17.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, “Jauja, xogos e cancións do país soñado” a cargo de Titiriteros de Benéfar. Xa pola noite, broche de ouro, coas orquestras París de Noia, ás 21.00 na rúa Domingo Bueno e Panorama no aparcadoiro da rúa Progreso, ás 23.45 horas.