• Escolares e veciñanza convértense en embaixadores da vila escribindo cadansúa postal co edificio consistorial como símbolo vivo do legado de Antonio Palacios, cuxo busto de perfil protagoniza o cuño
  • O alcalde Alejandro Lorenzo estrea a primeira das 5.000 impresas para remitila ao Presidente do Goberno solicitándolle un soño histórico: a supresión do paso a nivel do tren

O Porriño, 26 de setembro de 2025.- Un acto emotivo e cargado de sentimento foi o celebrado esta mañá na Praza Arquitecto Antonio Palacios do que participaron arredor de 200 escolares de 5º de Primaria dos distintos colexios do Porriño. O Concello vén de presentar o primeiro cuño turístico da vila e a tarxeta postal de Correos en homenaxe ao seu fillo predilecto, Antonio Palacios a través dunha iniciativa que parte da biblioteca municipal co obxectivo de recuperar a maxia da correspondencia escrita nun contexto comunicativo cada vez máis dixital.

O cuño, que se conseguiu grazas á solicitude que realizou o Concello do Porriño á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e o apoio da Sociedade Filatélica e Numísmática Canguesa, está dispoñible dende hoxe na oficina de Correos do Porriño para calquera persoa que desexe enviar unha misiva con selo a calquera parte do mundo. Cómpre lembrar que a imaxe de Antonio Palacios apareceu por primeira vez nun selo no ano 1975, pero nunca nun cuño turístico. Precisamente é a destacar que ao igual que hoxe estamos nós aquí, en Madrid están a presentar outro cuño turístico e postal dedicados tamén a Palacios. O noso amosa o seu busto de perfil xunto á casa consistorial porriñesa e o de Madrid a mesma imaxe do arquitecto acompañada doutra das súas obras, o Palacio de Cibeles.

Por outra banda, emítense un total de 5.000 tarxetas postais prefranqueadas para territorio nacional. Ademais das repartidas no acto de hoxe estarán tamén a disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, na casa consistorial e na biblioteca municipal.

“Hoxe é un día moi especial para O Porriño, porque con esta iniciativa recuperamos non só a memoria e o legado do noso ilustre arquitecto Antonio Palacios, senón tamén a maxia da correspondencia escrita por vía postal, que cada vez se vai perdendo nun mundo dominado pola comunicación dixital”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto ao que asistiron, ademais dos escolares e os seus mestres, Borja Otero, director da Oficina de Correos do Porriño; Marta Verde, presidenta da Comisión de Filatelia Aberta da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI); María Elisa Abad, vicesecretaria da Federación Española de Sociedades Filatélicas e Isabel Couselo, directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na provincia de Pontevedra.

O alcalde convidou a tódolos presentes, dirixíndose especialmente á rapazada, a facer uso destas postais, “eu vou facelo agora enviando a primeira ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pedíndolle que nos axude a cumprir un soño que leva demasiado tempo esperando: eliminar o paso a nivel do tren”.

A coordinadora do Club de Lectura da Biblioteca Municipal, Ana Abad, foi a encargada de explicarlles aos escolares a actividade programada, consistente en escribir unha mensaxe a modo de invitación para que escolares de todo o país veñan coñecer O Porrriño.  Deste xeito, repartíronse cadansúa postal, xa selada e tendo como destinatarios unha listaxe de centros escolares de tódalas provincias de España, para que a redactasen e posteriormente dirixirse todos xuntos a depositala á caixa do correo máis próximo, situada ao carón da Fonte do Cristo, clausurando así o acto e poñendo punto e seguido a esta iniciativa enmarcada dentro das liñas de animación á lectura e á escritura promovida dende a Concellería de Cultura, “coa que se quere recuperar o encanto da comunicación escrita en formato físico, unha maxia que envolve tanto a quen escribe como a quen a recibe”.

Envío con posibilidade de premio

Dende o Concello do Porriño convídase a toda a veciñanza a sumarse a esta iniciativa escribindo unha postal, co destinatario que queiran e depositándoa, na caixas de correo habilitada para elo, no propio Concello, participando así nun sorteo dunha cesta con produtos de Nadal.

Ademais, en diálogo coa comunicación dixital, convídase a que as persoas que escriban e tamén as que reciban estas postais publiquen unha fotografía da mesma en redes sociais etiquetando ao Concello do Porriño (@oporrinoconcello) e engadindo o cancelo #postalpalacios.