• Unha actuación sorpresa, mañá ás 19.00 horas, abrirá a programación que se pechará o luns coas orquestras Panorama e París de Noia
  • O sábado, ás 13.00 horas, as xogadoras do Club Balonmán Porriño serán as encargadas de ler o pregón

O Porriño, 25 de setembro de 2025.- O Porriño prepárase para a fin de semana grande das Festas do Cristo 2025. Quedan por diante catro xornadas cheas de actividades para todos os públicos nas que a música será a protagonista. Beret será a cabeza de cartel do Louro Valley Festival, mañá venres. O cantante e compositor subirase ao escenario ás 22.45 horas para interpretar os seus temas, unha mestura de pop urbano, balada e toques de rap e reggae. O andaluz estará acompañado doutros artistas, precisamente trala súa actuación subiranse ao escenario os Heredeiros da Crus; Shameless será o encargado de abrir o festival ás 22.00 horas e Pitty, Samu Pexe e Khris Guez completan o cartel do Louro Valley, que se presentou esta mañá no Concello de xeito conxunto co Dabuten! Remember, que nace este ano pensado nun público diferente e trae para a súa estrea ao DJ e produtor máis icónico da escena dance europea dende os anos 90: Sash!, que pinchará a partir da media noite, previamente actuarán Dmirón e Traffic House e despois Groove Amigos e Michi.

 “Ámbolos dous festivais, que terán entrada de balde e se celebrarán no aparcadoiro da rúa Progreso, son un claro exemplo do compromiso do Concello para apoiar a cultura local á vez que atrae grandes nomes do panorama musical nacional e internacional, consolidándose como espazos de celebración, convivencia e proxección cultural que enche de vida o noso municipio”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

Unha actuación sorpresa, ás 19.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, dará o pistoletazo de saída mañá. Ás 20.30 horas Xoana dará un concerto no Parque do Cristo e terá lugar tamén a primeira das sete verbenas amenizada pola orquestra Tango, que fará dous pases na Praza do Concello, un ás 21.30 horas e outro á medianoite.

“Convido a todas as persoas, veciñas e visitantes, a que se sumen a esta fin de semana grande das Festas do Cristo no Porriño, unha oportunidade perfecta para desfrutar da cultura, a música e a tradición que nos unen como comunidade. Temos un programa variado e pensado para todas as idades, onde a alegría, a inclusión e a convivencia serán as protagonistas. Vén a celebralo con nós, e fai que esta edición das festas sexa inesquecible para todos”

Sábado 27

O acto central do sábado será, sen dúbida, a lectura do pregón a cargo do equipo feminino, do Club Balonmán Porriño, subcampión de Europa. Será ás 13.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Antes dará comezo xa a animación de rúa con batucadas, charangas e xigantes e cabezudos que estarán ata ás 14.30 horas e logo de novo pola tarde a partir das 18.30 horas.

A música de bandas será a outra protagonista da xornada. Ás 19.00 horas no Parque do Cristo tocarán a Agrupación Musical do Porriño e a Banda Unión Musical de Tenorio e ás 21.00 horas a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ofrecerá un concerto en Domingo Bueno. A orquestra Ritmo Joven amenizará a verbena a partir das 22.30 horas na Praza Central.

Domingo 28

Os actos relixiosos centran a xornada matinal do domingo. A misa solemne oficiarase ás 12.00 horas na igrexa de Santa María, amenizada pola Coral Polifónica da EMM do Porriño, trala cal terá lugar a procesión do Santísimo Cristo da Agonía cara a capela do Cristo, acompañada pola Banda de Guerra da Brilat, a Escuadra de Gastadores e a Banda de Gaitas Os Coribantes.

De novo haberá animación de rúa con batucadas e charangas, de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.30 horas. E para os máis pequenos da casa, ás 18.00 horas chegará ao Porriño o espectáculo de Cantajuego “Coco y Pepe”, na rúa Domingo Bueno, de xeito paralelo no Parque do Cristo, haberá tamén obradoiro infantís.

A partir do serán música, primeiro da man de Os Coribantes, ás 19.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, e logo coas orquestras Galilea e América, a partir das 21.00 horas, na Praza Central e na rúa Domingo Bueno.

Luns 29

O luns, festividade local, oficiarase a xa tradicional a misa solemne de campaña ao mediodía no Parque do Cristo e ao rematar concerto da Banda de Música Municipal de Redondela, que volverá a actuar pola tarde, ás 19.00 horas, no mesmo lugar xunto coa Banda de Música Cultural de Arcade. Haberá tamén animación de rúa de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.30 horas. E pola noite, broche de ouro, coas orquestras París de Noia, ás 21.00 na rúa Domingo Bueno e Panorama no aparcadoiro da rúa Progreso, ás 23.45 horas.

Festas inclusivas

As Festas do Cristo destacan tamén pola súa aposta pola inclusión e accesibilidade, incorporando unha serie de accións pensadas para que todas as persoas poidan desfrutar das actividades. Durante o concerto de Beret, así como na sesión de DJs, estarán dispoñibles una intérprete de lingua de signos (LSE) e mochilas vibratorias que permiten sentir a música a través do tacto. Ademais, a lectura do pregón e o espectáculo infantil de Cantajuegos “Coco y Pepe” contarán tamén con interpretación en lingua de signos, garantindo que nenos, nenas e persoas con discapacidade auditiva poidan participar activamente nesta celebración.