• A proba coincide coa conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer e con tal motivo iluminarase a casa do Concello de cor verde
  • O SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e un espectáculo de marionetas completan a programación festiva da xornada dominical
  • Mañá sábado celébrase a Festa do Peregrino e do Turista e o Torneo Resmine-Atios Cup 2025

O Porriño, 19 de setembro de 2025.-  Chega ao Porriño un ano máis a CAE Interrunning. Será o vindeiro domingo, cando unhas 2.000 persoas, de todas as idades, afeccionadas e profesionais, tomen as rúas do casco urbano para participar da que será a terceira edición da Carreira de Empresas de Galicia e a XIV Interrunning, que conta nesta ocasión ademais cunha tripla acción solidaria de apoio a Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. Precisamente, o domingo 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer que promoven e poñen en valor as accións levadas a cabo por asociacións como Afaga, destinada a mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias, e con tal motivo, a partir do serán, iluminarase de verde a casa consistorial.

“Esta fin de semana, O Porriño énchese de vida cunha programación cultural e deportiva pensada para todos os públicos e que serve de antesala perfecta á fin de semana grande das Festas do Cristo. Festa do Peregrino, Carreira de Empresas, Interrunning, SummerSon Jam, foodtruck Galicia Sabe Amar, espectáculo de marionetas… convidamos a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar desta fin de semana, que comeza xa esta mesma tarde coa Festa Flamenca, continúa con concertó de Noemí e a Noite Aberta, chea de cultura, deporte, solidariedade e tradición, que nos prepara para vivir con máis forza as festas que están por chegar”, explica Alejandro Lorenzo.

A xornada do domingo arrancará ás 09.30 horas coa Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo, no que tampouco faltará a boa gastronomía, cunha nova visita ao Porriño da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que estará instalada e ofrecendo petiscos de peixe e marisco galegos, en horario de 09.30 a 14.00.

De xeito paralelo, celebrarase o festival de música urbana e batallas de baile SummerSon Jam, no Parque Infantil, que comezará ás 10.00 horas, cun workshop de hip hop impartido pola francesa Lindsay Badnes. De 12.00 a 14.00 horas será a competición de beginners e a partir das 16.00 horas será a quenda da categoría advanced. A música da xornada virá da man de DJ Walid e o broche de ouro dunha xornada épica de baile urbano porao Law, cun concerto ás 20.30 horas.

Por outra banda, enmarcado tamén nas Festas do Cristo, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. Será o domingo ás 19.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Antes de todo isto, O Porriño acolle mañá sábado, a partir das 16.00 horas, a Festa do Peregrino e do Turista. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, ás 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.

Tamén mañá o campo municipal do Carballo acollerá a última xornada do Torneo Resmine-Atios Cup 2025. Logo de disputarse as categorías alevín e prebenxamíns é a quenda agora dos benxamíns, coa que se pon fin a esta competición.