- O Concello publica as bases e abre o prazo para participar no xa tradicional concurso “Tes Talento?” para impulsar músicos emerxentes
- Celebrarase o venres 3 e sábado 4 de outubro, sendo a gran final o domingo 5, broche de ouro das Festas do Cristo 2025, cun primeiro premio de 1.000 euros
O Porriño, 9 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases do concurso de novos talentos musicais Val da Louriña “Tes talento?”, unha cita xa tradicional no calendario das Festas do Cristo dirixida ao descubrimento de novos artistas e a promoción de músicos emerxentes, nun certame estruturado en varias actuacións en directo abertas ao público, o que supón a súa vez un atractivo festivo e cultural na vila.
“‘Tes Talento?’ é unha oportunidade fundamental para descubrir e apoiar os novos talentos musicais do noso Concello. Queremos ofrecer un espazo onde os artistas locais emerxentes, que moitas veces precisan dese empuxe para dar a coñecer a súa música, poidan brillar e medrar profesionalmente a través desta oportunidade, de poder subirse a un escenario e amosar diante dun xurado profesional e tamén dun gran público, o seu potencial”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo que lembra que todos os gañadores de edicións anteriores, a día de hoxe dedícanse profesionalmente á música, e viven dela, un grupo de xente nova á que, precisamente, recibiu esta mañá no Concello.
O concurso está dirixido a artistas afeccionados que desenvolven a súa vocación no país, calquera que sexa o seu estivo musical, establecéndose dúas modalidades: infantil, ata os 15 anos inclusive, e adultos, de 16 en adiante. De igual xeito, poderán presentarse grupos musicais de ata un máximo de catro compoñentes en calquera das dúas categorías.
Os premios establecidos nesta edición son de 1.000 euros e a produción dun tema propio (valorado en 600 euros) para o primeiro posto, 400 euros para o segundo e 250 euros para o terceiro no caso da modalidade de adultos. En infantil farase entrega dun lote de produtos escolares xunto cun trofeo para os tres finalistas clasificados.
O prazo de inscrición ábrese hoxe martes, ata ás 14.00 horas do vindeiro 20 de setembro, podendo formalizarse a mesma de xeito presencial no rexistro xeral do concello (de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00) ou a través da sede electrónica. En ambos casos é preciso entregar o impreso cuberto de solicitude de inscrición dispoñible na páxina web www.ecultura.net, acompañado no caso de menores da autorización pertinente, modelo que tamén se pode descargar na mesma web, na cal tamén están publicadas as bases para a súa consulta.
Como vén sendo habitual, “Tes Talento?” iniciarase cunha primeira fase preliminar o día 26 de setembro, pechada ao público, na cal o xurado realizará unha preselección das persoas inscritas. As seleccionadas, na categoría de adultos, participarán nas semifinais que se celebrarán o venres 3 e sábado 4 de outubro, das cales sairán aquelas finalistas que actuarán na gran final do domingo 5. No caso da modalidade infantil, os preseleccionados na fase preliminar actuarán directamente na final.
Entre os requisitos da actuación establécese un tempo máximo de tres minutos, con temática, estilo e idioma libres. O xurado estará constituído por un comité de observación e valoración de premios e composto por unha serie de membros en número impar; o seu veredicto será definitivo e inapelable.
“Tes Talento?” preséntase, pois, como unha iniciativa que impulsa e brinda unha oportunidade única aos músicos emerxentes do Porriño e arredores para darse a coñecer e medrar profesionalmente, e por outra, convértese nunha actividade lúdica que enriquece a programación das Festas do Cristo, sendo un gran atractivo de público, creándose un espazo no que se fusiona cultura, música e diversión.
Descarga aquí as bases, a solicitude de inscrición e autorización para menores:
BASES-CONCURSO-NOVOS-TALENTOS-MUSICAIS-VAL-DA-LOURINA-2025
ANEXO-I_Solicitude-Inscricion-Concurso-Novos-Talentos-Musicais-Val-da-Lourina-2025
ANEXO-II_Autorizacion-Concurso-Novos-Talentos-Musicais-Val-da-Lourina-2025