• Unha foodtruck desta campaña da Xunta fai parada na vila para ofrecer, de balde, unha selección de petiscos a base de peixe e mariscos das rías galegas

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- Fusión de mexillóns ao vapor Galicia Thai e humus de fabas de Lourenzá e mexillón de Galicia á carbonara de mar son algúns dos petiscos que este xoves se poden degustar no Porriño. Unha das foodtrucks da campaña Galicia sabe amar instalouse hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios para ofrecer estas degustacións de balde a todas aquelas persoas que se acheguen, agora pola mañá ata ás 15.00 horas e logo pola tarde, dende ás 18.00 e ata ás 21.00 horas.

O alcalde Alejandro Lorenzo achegouse tamén á foodtruck onde puido comprobar, unha vez máis, o mellor sabor do mar e a calidade do peixe e marisco galegos. Así, o rexedor destacou esta iniciativa pola importancia de promover o consumo destes produtos entre toda a poboación, “fomentando hábitos de vida saudable á vez que se contribúe á posta en valor da excelente calidade dos produtos galegos, especialmente aos procedentes do noso litoral, que representan unha parte fundamental da nosa identidade e economía”.

Galicia sabe amar é unha campaña da Xunta de Galicia que nace para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. A iniciativa sóbese ás catro rodas a través foodtrucks que levan o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes poden degustar algúns dos petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra