• Nico Giráldez é recibido no Concello logo de proclamarse subcampión mundial en Exipto
  • O alcalde Alejandro Lorenzo pon de exemplo a súa traxectoria, “un espello no que nenos e nenas poidan mirarse”, destacando os valores da humildade, o compañeirismo e a superación

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño segue sumando títulos deportivos. Nesta ocasión, gracias a Nico Giráldez, que vén de alzarse en Exipto coa medalla de prata no Mundial Xuvenil de Balonmán e dende o Concello non quixeron deixar pasar a consecución deste gran logro para recibilo e darlle persoalmente os parabéns. “É un orgullo enorme para todo O Porriño contar cun deportista como Nico, exemplo de esforzo, disciplina e compromiso. Mirámolo medrar dende as escolas deportivas municipais ata converterse nun dos mellores porteiros da súa xeración”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a recepción oficial no Concello, na que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quen foi tamén o seu presidente no Balonmán Porriño.

Nico destacou como gardameta na Selección Española Xuvenil de Balonmán que caeu nos penaltis fronte Alemaña despois de que unha parada súa forzara a prórroga, “polo que a valoración do torneo é moi positiva, chegar á final era xa un dos nosos obxectivos, foi un gran soño para min e oxalá teña máis oportunidades de conseguir máis retos como este no futuro”, asegura este mozo porriñés que ven de cumprir a maioría de idade.

Nico agradeceu as palabras e o xesto cara a el, lembrando os seus inicios con tan só sete anos no Balonmán Porriño, onde militou ata a tempada 2023/2024, e co que tamén acadou importantes éxitos, como foi a fase final do Campionato de España Cadete Masculino, “débolle moito a este club”, asegurou. A curto prazo continuará, unha tempada máis, na capital pucelana combinando a súa militancia no Recoletas Atlético Valladolid á vez que comeza os seus estudos de Grao de Xestión Administrativa.

O exemplo de Nico é un dos moitos da aposta decidida  polo deporte de base. “Queremos que os nenos e nenas do Porriño vexan en Nico un espello no que mirarse; que saiban que con paixón e constancia pódese chegar moi lonxe, sen esquecer os valores que se aprenden no deporte: humildade, compañeirismo e superación”, subliña o alcalde remarcando o compromiso do Concello a seguir apoiando o deporte local e, por suposto, “a seguir de preto a traxectoria de Nico, que sabemos que aínda ten moitos éxitos por diante, e é que esta prata mundial é só o comezo”, concluíu.