• A matrícula nos graos de Socioloxía, Traballo Social e Dereito xa está aberta
  • Máis de 1.100 persoas participaron na vintena de actividades de extensión universitaria celebradas ao longo do último curso académico

O Porriño, 18 de agosto de 2025.- A capacidade para ofrecer unha ensinanza innovadora e adaptada ás novas metodoloxías de aprendizaxe, combinando a flexibilidade do modelo de educación a distancia cunha atención personalizada é a clave na que radica o éxito que está a ter a Aula da UNED no Porriño. A piques de cumprir os tres anos dende a súa apertura, o número de matrículas tanto nas ensinanzas regradas como nas actividades de extensión universitaria foi en incremento, “consolidándose como un centro de referencia na educación a distancia, dando respostas formativas ás demandas do noso tecido empresarial”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

A matrícula para o novo curso académico nos grados Socioloxía, Traballo Social e Dereito que se imparten na Aula da UNED do Porriño xa está aberta a través da páxina web uned.es. Actualmente, a aula conta con medio cento de persoas matriculadas en ensinanzas regradas. “Un dato que reflexa a importancia deste centro como unha ferramenta esencial para a formación continua e a mellora da empregabilidade, permitindo aos estudantes avanzar no seu desenvolvemento académico sen necesidade de desprazarse a outras localidades”, explica o rexedor local.

A aula comezou cos grados de Socioloxía e Traballo Social e neste curso incorporouse Dereito, titulacións todas elas que responden á crecente demanda de profesionais capacitados na análise social, o marco xurídico e a intervención comunitaria. Ademais, “coa modalidade semipresencial, o alumnado pode beneficiarse do apoio do equipo docente mediante titorías personalizadas, recursos dixitais e sesións prácticas que reforzan a aprendizaxe autónoma, todo elo cun enfoque no que se garante non só a adquisición de coñecementos teóricos, senón tamén o desenvolvemento de competencias clave para afrontar con éxito a inserción no mercado laboral”, destaca a concelleira Rosa Isabel Alonso.

 

Actividades de extensión universitaria

Máis alá do ámbito académico, a aula leva a cabo unha ampla programación de actividades dirixidas a diversos perfís de estudantes, incluíndo cursos de idiomas, formación en habilidades comunicativas, benestar e desenvolvemento persoal, así como iniciativas culturais e sociais.

Neste último ano impartíronse unha vintena de cursos e talleres dos que participaron un total de 1.100 persoas. “Unha cifra que case se multiplica por oito se temos en conta as 150 inscricións rexistradas no arranque da Aula da UNED no Porriño, cando se organizaron as primeiras actividades de extensión universitaria”, puntualiza o alcalde. Neste sentido, foise incrementando a oferta, a demanda e, consecuentemente, a participación, manténdose sempre aberta a matrícula a diferentes talleres, que se van organizando ao longo de todo o curso académico.

En definitiva, a aposta do Concello polo impulso da formación superior a través da Aula da UNED no Porriño reflicte un compromiso claro co desenvolvemento académico e profesional da veciñanza. Ao ofrecer unha educación de calidade, accesible e adaptada ás necesidades do mercado laboral, o Concello non só está mellorando as posibilidades de inserción laboral dos seus cidadáns, senón que tamén contribúe ao fortalecemento do tecido social e económico local