- Desprazáronse un operario municipal, tres axentes da Policía Local, dous voluntarios de Protección Civil e mobilizáronse dous camións municipais
- Esta colaboración municipal realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e cos alcaldes e alcaldesas da zona afectada
O Porriño, 18 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño leva varios días mobilizando recursos humanos e materiais municipais para colaborar na loita contra os incendios forestais que están a afectar diferentes zonas da provincia de Ourense.
O operativo do Porriño está presente en varias zonas afectadas polos lumes, entre elas a contorna do Concello de Melón, traballando en coordinación cos equipos locais e contribuíndo ás tarefas de control e extinción dos incendios. Os nosos efectivos están a actuar tamén en coordinación co CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado), unha instancia que se activa en situacións de emerxencia de interese supraautonómico e que integra os mandos das administracións estatal e autonómica para garantir unha resposta conxunta, eficaz e coordinada ante este tipo de crises.
Ata o de agora, desprazáronse ás áreas afectadas catro membros do persoal municipal —un operario e tres axentes da Policía Local—, así como dous voluntarios de Protección Civil. Ademais, puxéronse a disposición vehículos e camións municipais, co obxectivo de apoiar os labores de extinción e protección dos núcleos de poboación.
Esta colaboración realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e en contacto directo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, aos que se lles está a ofrecer apoio constante.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirma: “Estamos totalmente comprometidos coa defensa do noso territorio e coa solidariedade cos concellos afectados por estes incendios. Desde o primeiro momento puxemos a disposición todos os recursos municipais para colaborar na extinción e protección das zonas afectadas. Seguiremos a disposición de calquera concello da provincia de Ourense que precise a nosa axuda, dentro da nosa dispoñibilidade e en coordinación co CECOPI e coa Xunta.”
Desde o Concello do Porriño reiteramos a nosa disposición a continuar colaborando con calquera concello que precise a nosa axuda e se poña en contacto connosco, como sempre fixemos.