• A mocidade que participa deste programa formativo e de emprego iniciará a vindeira semana os traballos de reforma integral das pontes de madeira

O Porriño, 14 de agosto de 2025.- O alumnado do obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” posto en marcha polo Concello do Porriño e do que participan 16 persoas menores de 30 anos afronta a súa última etapa coa posta en práctica dos coñecementos en carpintería adquiridos na aula. Así, logo de reparar a primeira das pasarelas de madeira sobre o río Louro, iniciarán a vindeira semana a reforma integral das restantes comezando pola máis próxima ao albergue de peregrinos, moi empregada pola veciñanza que accede ao sendeiro dende o campo de fútbol do Porriño Industrial.

“Este programa representa unha valiosa oportunidade para que a nosa mocidade se forme en profesións altamente demandadas no mercado laboral, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral, á vez que coa posta en práctica dos coñecementos adquiridos contribúen, neste caso, á mellora de infraestruturas municipais de uso público”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con motivo destes traballos, “restrinxirase o paso durante o tempo no que se están a executar os traballos en cada una das pontes, o cal estará debidamente sinalizado dende os diferentes puntos de acceso ao sendeiro do Louro, informando á veciñanza de que o cruce dunha beira a outra do río deberá realizarse polas restantes pasarelas”, explica o concelleiro Marcos Martínez.

 “O Noso Encontro co Emprego” é un programa mixto destinado á mellora da empregabilidade que alterna a formación para emprego con práctica laboral, con traballo en obra real. Deste xeito, unha vez adquiridos os coñecementos necesarios, atópanse agora na fase de plasmar todo o aprendido na aula coa posta en marcha de actuacións en beneficio do pobo. Neste caso en concreto, está previsto que reparen outras dúas pasarelas máis, mellorando así a accesibilidade na senda que bordea o río, transitada a diario por centos de persoas.

Xunto con esta especialidade de carpintería de madeira desenvólvese outra de albanelería, cuxa parte práctica céntrase na urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executan novas beirarrúas. “O Noso Encontro co Emprego” supón unha inversión de máis de 480.000 euros dos cales 439.000 son subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cubríndose a parte restante cunha achega municipal.