- Preto de 100 cabritos foron preparados ao espeto para unha xornada chea de sabor, música e tradición que reuniu a centos de veciños e visitantes
O Porriño, 4 de agosto de 2025.- A parroquia de Chenlo, no concello do Porriño, viviu onte unha xornada de celebración e orgullo colectivo coa décimo cuarta edición da Festa do Cabrito ao Espeto, unha cita xa consolidada como referente gastronómico e social da comarca que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo.
Dende primeiras horas da mañá, veciños e visitantes achegáronse ao campo de fútbol de Chan da Carreira, onde a asociación organizadora iniciou o asado dos preto de cen cabritos preparados para a ocasión, seguindo a tradicional receita local: espeto de ferro, lume controlado e moita dedicación para acadar o punto exacto de cocción.
Ás once da mañá comezou a degustación de pinchos, acompañada pola música do Grupo de Gaitas do Porriño, que deu paso á comida popular a partir das 13:00 horas. As opcións ofrecidas incluíron o cabrito enteiro ao espeto por 220 euros, medio cabrito por 110 euros e pinchos con viño mencía por tan só 5 euros. Todos os menús incluían tamén patacas, empanada, viño mencía, rosca e café, nun ambiente animado e familiar que encheu de vida o recinto durante toda a xornada.
O momento máis agardado da tarde foi o tradicional sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes, unha das señas de identidade da festa e símbolo da súa vocación participativa. A animación musical continuou coa actuación en directo do grupo 3.COM, que puxo ritmo e alegría ao encontro cun repertorio que fixo bailar a maiores e pequenos.
O evento foi organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto, coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e da propia veciñanza, que leva semanas traballando na preparación desta celebración. Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo destacar o carácter único da festa e o espírito de colaboración que a fai posible ano tras ano. “Chenlo ten demostrado que cando a parroquia se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario. Esta festa é máis ca unha celebración gastronómica: é unha mostra de orgullo, tradición e comunidade. Quero poñer en valor a parroquia e a ese grupo de xuventude que, xunto cos máis veteranos, se xuntan cada ano para realizar un traballo incansable durante toda unha semana, facendo posible esta celebración. Gracias a todas e todos os que vos achegastes e compartistes esta experiencia connosco”, declarou.
Celebrada por primeira vez no ano 2009, a Festa do Cabrito ao Espeto naceu co obxectivo de recuperar unha forma tradicional de preparar a carne en Chenlo e, ao mesmo tempo, poñer en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia que conta cunhas vistas privilexiadas ao val da Louriña. Co paso dos anos, a cita consolidouse como unha das festas gastronómicas máis emblemáticas do verán no sur da provincia de Pontevedra, mantendo viva a tradición e reforzando o sentimento de pertenza da comunidade.
Un ano máis, Chenlo demostrou que a forza dunha parroquia está na súa xente. A festa foi un éxito rotundo tanto en participación como en organización, e xa se pensa na edición número quince, que terá lugar, como é costume, o primeiro domingo de agosto de 2026.