O Porriño, 25 de xullo de 2025.- O Concello do Porriño informa de que, no que vai de ano 2025, a Policía Local rexistrou un total de 22 detencións, consolidando así o seu labor constante e efectivo na protección da veciñanza. Esta cifra supón un notable volume de actuacións, achegándose xa ás 37 detencións contabilizadas durante todo o ano 2024.
Entre as intervencións realizadas neste período, figura a detención de 13 persoas que se atopaban fuxidas da xustiza, das cales 10 son homes e 3 mulleres. Ademais, foron detidos 2 homes por presunto delito de violencia de xénero e outros 2 por quebrantar supostamente medidas cautelares de ordes de afastamento con respecto aos seus fillos. A Policía Local tamén procedeu á detención de 2 homes por presunto atentado, desobediencia e resistencia aos axentes da autoridade, e doutros 2 por supostos delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica, concretamente por roubo con forza. Ademais, consta unha detención por presunta agresión sexual.
A última detención produciuse o sábado 12 de xullo na rúa San Sebastián, onde a Policía Local desmantelou un punto de venda de estupefacientes. O detido atopábase fuxido da Xustiza e, presuntamente, dedicábase ao menudeo e tráfico de drogas, xerando unha situación de alarma social na zona.
O inspector principal xefe da Policía Local do Porriño, Daniel Rodríguez González, destacou que “a policía está traballando día a día, realizando unha labor constante que, aínda que non se ve, está presente e dá resultados”. Subliñou tamén que “a Policía Local do Porriño é, na maioría das intervencións, a primeira unidade policial en actuar, chegando en primeiro lugar nun 95 % dos casos”.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, agradece públicamente o esforzo e o compromiso dos corpos de seguridade, sinalando que “queremos recoñecer e poñer en valor o traballo incansable da nosa Policía Local, que está a dar unha resposta rápida, eficaz e profesional ante situacións que preocupan á veciñanza. A seguridade cidadá é unha prioridade para min e seguiremos poñendo medios para reforzala”.
Como parte dese compromiso coa seguridade e a prevención, o Concello avanza a próxima posta en funcionamento de catro cámaras de vixilancia de tráfico que xa están instaladas en varias rúas do centro urbano. Aínda que a súa finalidade principal será a regulación e control do tráfico, tamén terán un importante efecto disuasorio fronte á comisión de delitos, ao estar dotadas con lectores de matrículas que permiten a identificación de vehículos en tempo real.