- Centos de comensais se darán cita para saborear o cabrito ao espeto preparado segundo a receita de sempre, nun ambiente festivo marcado pola música, a convivencia e a identidade colectiva.
O Porriño, 26 de xullo de 2025.– O vindeiro domingo 3 de agosto, a parroquia de Chenlo converterase un ano máis nun punto de encontro para amantes da boa mesa coa celebración da décimo cuarta edición da súa tradicional Festa do Cabrito ao Espeto. O evento, organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e do tecido veciñal, consolídase como unha das citas gastronómicas imprescindibles do verán na comarca.
Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol de Chan da Carreira acollerá esta celebración que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo. A xornada comezará ás 11:00 da mañá coa degustación de pinchos de cabrito, amenizada polo Grupo de Gaitas do Porriño. Xa a partir das 13:00 horas dará comezo a comida popular, na que se poderán saborear arredor de cen cabritos preparados ao espeto segundo a receita máis tradicional da parroquia.
O día estará tamén cargado de animación musical, coa actuación en directo do grupo 3.COM, e como é habitual realizarase o sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes, un dos momentos máis esperados do evento.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o carácter singular da festa e a súa importancia como símbolo de identidade: “Chenlo ten demostrado que cando un pobo se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario. Esta festa é máis ca unha celebración gastronómica: é unha mostra de orgullo, tradición e comunidade. Animo a todas e todos a achegarse e compartir esta experiencia connosco”.
A veciñanza leva semanas traballando na organización do evento para garantir, un ano máis, unha experiencia de calidade para centos de comensais. Neste sentido, xa están abertas as reservas para participar na comida:
Os prezos son os seguintes: cabrito enteiro 220 euros, medio cabrito 110 euros, ración de churrasco 20 euros e pincho de cabrito a 5 euros. As reservas poden realizarse de maneira presencial ata o venres 1 de agosto no restaurante churrasquería Timarsane (A Relva 68, Torneiros).
Tamén se pode reservar ata o xoves 31 de xullo mediante transferencia bancaria ao número de conta ES24 2100 2304 9302 0051 3345, enviando despois o comprobante de pago por WhatsApp ao número 666 979 043, indicando o nome da persoa, número de asistentes e un teléfono de contacto.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 647 142 782 ou 666 979 043.
Con todo listo e o espeto preparado, Chenlo agarda xa por centos de persoas dispostas a gozar dunha festa que é, por dereito propio, patrimonio emocional da súa xente.