Porriño, 3 de xullo de 2025.— O Consorcio de Augas do Louro entregou hoxe os premios do seu concurso de debuxo infantil, dirixido a escolares de 3º e 4º de Educación Primaria, co obxectivo de sensibilizar sobre o coidado da auga e do medio ambiente. Porriño estivo representado polos seus gañadores e finalistas, recoñecidos nun acto celebrado nas instalacións da EDAR de Guillarei.
A gañadora por Porriño foi Meriam Ziloul, alumna do CEIP Ribeira, que recibiu como premio unha tablet, entregada polo presidente do Consorcio e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes dos concellos participantes. Ademais, os finalistas por Porriño, Vera Pérez (CEIP José Fernández López) e Mario Romero (Colexio Hermanos Quiroga), recibiron un reloxo dixital como recoñecemento ao seu esforzo e compromiso co coidado da auga e do planeta.
No acto tamén estiveron presentes a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; e a alcaldesa e o tenente de alcalde de Mos, Nidia Arévalo e Camilo Grandal, respectivamente. Ademais de Meriam Ziloul, foron galardoados como gañadores Erick Dávila (Mestre Martínez Alonso, Mos), Iciar Martínez (CEP Altamira, Salceda de Caselas) e Martina Pintos (Maristas, Tui). Como finalistas, foron recoñecidos Evolet Fernández e Alba Pintos (Mestre Martínez Alonso, Mos); Vera Pérez e Mario Romero (Jose Fernandez Lopez e Hermanos Quiroga, Porriño); Alejandro Díaz e Sabela Gándara (CEP Altamira, Salceda) e Martina Pintos e Daniel Blanco (Maristas, Tui).
O presidente do Consorcio e alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou durante a entrega dos premios que esta iniciativa é “unha maneira lúdica de concienciar aos máis pequenos no uso responsable da auga, dando a coñecer a importancia deste recurso nas nosas vidas e as claves para protexer a biodiversidade”.
O concurso enmárcase nas accións para promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, reflectindo nos debuxos o compromiso co coidado da auga e do medio ambiente.
O Concello do Porriño felicita a estes rapaces pola súa excelente participación e anímaos a seguir promovendo o respecto e coidado polo entorno natural.