O Porriño, 3 de xullo de 2025.- Esta mañá tivo lugar no Porriño o acto de presentación da campaña “Non esquezas doar antes de veranear”, promovida pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), no que participaron a directora de ADOS, Marisa López García; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo Alonso; e a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso Castaño.

O verán é a época máis complicada para manter estable a participación dos doantes, polo que se lanza esta campaña especial para alcanzar as 27.000 doazóns necesarias durante este período para garantir o abastecemento aos centros sanitarios. ADOS é a entidade encargada de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia para atender a milleiros de doentes cada ano. 

Durante o ano 2024, O Porriño acadou un total de 1.375 doazóns de sangue, o que supón unha taxa de 66 doazóns por cada 1.000 habitantes, moi por riba da media galega (39/1.000). Foi ademais o segundo concello con maior taxa de doazón da bisbarra de Vigo.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a colaboración da veciñanza para doar sangue, especialmente durante esta fin de semana, coincidindo coa presenza da unidade móbil no Porriño, que estará situada na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural, o venres 4 de xullo en horario de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas, e o sábado 5 de xullo de 10:00 a 15:00 horas.

Marisa López lembrou que “o sangue non se pode fabricar, só se pode obter mediante a doazón voluntaria”, e que doar só leva uns minutos pero pode salvar ata tres vidas.

Para doar sangue, recoméndase almorzar ben e agardar dúas horas despois de xantar. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar, e informar ao médico se se está tomando algún medicamento. Non se recomenda facer unha comida copiosa antes da doazón. Se tes máis de 18 anos e pesas máis de 50 quilos, só necesitas 10 minutos para salvar a vida de moitas persoas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o espírito solidario da veciñanza e sinalou que “no Porriño temos unha cidadanía comprometida, consciente da importancia de doar para salvar vidas. Esta é unha responsabilidade colectiva e seguiremos colaborando activamente con ADOS para garantir que non falte sangue cando máis se precisa”.

Desde o Concello do Porriño animamos a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa solidaria e contribuír a este importante obxectivo.